O Sergas quita o pago por ver televisión aos ingresados en todos os hospitais despois de dúas semanas de epidemia

A instrución sobre as televisións foi dada pola Xunta o pasado luns, 16 de marzo, pero aínda non se aplicou en todos os centros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2020 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

Dúas semanas, desde que comezou a epidemia de coronavirus en Galicia, é o que tardou o Servizo Galego de Saúde (Sergas) en decidir facilitar a gratuidade da televisión en todos os hospitais galegos que forman parte da sanidade pública e que atenden os pacientes ingresados.

Hospital Álvaro Cunqueiro
Hospital Álvaro Cunqueiro | Fonte: © Miguel Núñez.

Esta medida xa está implantada desde o luns en centros hospitalarios como o de Santiago, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Hospital da Mariña e o de Ferrol. A partir deste sábado tamén se habilitarán en Lugo e Monforte, mentres que a xerencia da área de Ourense traballa para buscar a "solución técnica" que permita operar esta medida, explicou a Consellería de Sanidade.

Esta actuación enmárcase dentro das "medidas preventivas especiais" dos centros sanitarios como un xesto "complementario". Adicionalmente, o Sergas lembra que para "manter boas prácticas de prevención e contención da enfermidade", limítase o acompañamento dos pacientes a "unha soa persoa" durante a súa estancia no centro.

Con todo iso búscase "facilitar" e "mellorar" o tempo que os pacientes pasan ingresados nestes hospitais. A instrución sobre as televisións foi dada pola Xunta o pasado luns, 16 de marzo, pero non puido completarse aínda debido ás "dificultades técnicas de execución" que se presentaron nalgúns centros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta