De volta de todo

Ás veces, dicimos de alguén que está “de volta de todo”. Mais, cantas persoas están de volta dunha pandemia?

Por Ramón Torrado | Ribeira | 29/03/2020

Comparte esta noticia

Repasando unha magnífica entrega da prestixiosa revista musical británica MOJO (agosto do 2016, cuns Smiths retratados de forma espléndida por Jöelle De Pont na portada), nótase unha curiosa coincidencia: está chea de superviventes.

Simon Neil
Simon Neil | Fonte: binaura.com

      1. Un deles é John Cale. O galés é un sobrevivente nato. Segundo se conta, el recuperouse dunha adición á cocaína, talvez coa liberación dos seus discos, caracterizados por entrar con frecuencia no íntimo.

      2. Outro é Bob Brown, un prometedor cantante folk de Washington DC que sacou o seu último disco en 1971. Sen acadar o éxito masivo, non acabou mal como outros. Publicou un libro para camareiros sobre como obter maiores propinas nos restaurantes, e ás veces fai algúns concertos de forma esporádica.

      3. Uns americanos chamados Eggs Over Easy, considerados nada menos que os fundadores do xénero pub rock, sacaron o seu único disco en 1972, e son reeditados e contemplados con admiración moitos anos despois.

      4. Un grupo da zona de Londres chamada Ealing, The Tomcats, deixou o seu país para establecerse en Madrid. Alí, en 1965 e 1966, gravaron – entre outras – unha versión psicodélica do tema “A tu vera” de Lola Flores. Tamén son rescatados nunha reedición no 2016.

      5. En 2016, un cliente do taxista en Washington DC chamado Hailu Mergia non sabería que este home é un heroe musical procedente de Etiopía. Gran pianista e acordeonista, gravou unha casete en 1981 cun grupo chamado Dahlak Band. Esta gravación fermosa e calmante é valorada con 4 de 5 estrelas por MOJO. (Na actualidade, Mergia fai xiras, e o seu novo disco sae o día 27 deste duro marzo de 2020).

      6. En 1982, un músico descoñecido - amigo de Adam Ant - chamado Nick Saloman tivo un accidente de moto que o deixou tres meses no hospital cun cóbado esnaquizado. Co tempo, Saloman reconsiderou os seus fracasos na industria discográfica e explorou novas rutas. En 1991, co nome artístico The Bevis Frond, publicou un disco no cal el canta e toca unha guitarra eléctrica abrasadora. MOJO di: ““New River Head” é o mellor disco psicodélico que nunca escoitaches”.

      7. Despois de perder un dedo nun accidente laboral, un home de Kingston, Xamaica, chamado Winston “Niney” Holness pasou a ser un dos mellores produtores na variante dub da música reggae.

      8. Mark Mulcahy. Este cantante tivo unha vida complicada. Ós 13 anos, morreulle un irmán nun accidente – isto lembra ó Shaun da gran serie “The Good Doctor”. Despois, en 1988, lideraba un grupo chamado The Miracle Legion que empezaba a ter éxito, pero un día o baixista e o batería (fartos dunha xira) berráronlle durante dúas horas e fóronse do grupo. Mark gravou entón un disco co seu amigo Ray Neal, unha obra que quedou esquecida ata o 2016. Houbo máis traxedia. Mark fixo carreira en solitario. No 2009, a súa esposa Melissa faleceu de repente, deixándoo ó cargo de dúas xemelgas de tres anos. Conmovidos, os cantantes de R.E.M. e Radiohead botáronlle unha man aparecendo no seu disco “Ciao My Shining Star”.

      9. Simon Neil, cantante do trío escocés Biffy Clyro, tivo un bloqueo creativo agudo de 18 meses. Cando se recuperou, fixo un disco de catro estrelas titulado “Ellipsis”, no cal lle pide perdón á súa esposa Francesca por “chupar o aire ó entrar nunha habitación”. Os seus compañeiros, os xemelgos Ben e James Johnston, aparecen espidos e en posición fetal coma el na portada do álbum, para amosar a súa solidariedade co vulnerable líder do grupo.

      10. Xenera simpatía nesta revista a información sobre un cantante prodixioso chamado Terry Reid, que declinou ser vocalista dos considerados dous mellores grupos de rock duro da Historia, Led Zeppelin e Deep Purple. Este británico vive algo esquecido, pero con bo talante, nun deserto estadounidense.

      11. Por último, tamén emociona o caso de Kathleen Hanna. A que fora cantante do grupo Bikini Kill deixou a súa segunda banda, LeTigré, ó verse moi afectada por unhas bacterias chamadas espiroquetas que son transmitidas por carrachas e causan a enfermidade de Lyme. Semella que, en parte para curarse emocionalmente, Kathleen creou unha nova formación bautizada co seu antigo alias, Julie Ruin. O seu disco de 2016 “Hit Reset”, ou Dálle a resetear, é un símbolo de resistencia.

Estas informacións biográficas aparecen maiormente dentro das breves recensións da sección de discos, o cal amosa o nivel de empatía desta publicación. Pódense ver en YouTube as obras destes resilientes artistas.

Todos eles son refuxiados das augas do Leteo, persoas que non contaban con saír do esquecemento, mentres outras figuras de moito menos talento acadan o éxito masivo con cancións de usar e tirar.

No mundo do cine, existe unha especie de trampa. O carisma de actores como, por exemplo, Jack Nicholson ou Robert De Niro, fai que parezan atractivos e agradables uns personaxes que na realidade serían pouco soportables. Dun xeito semellante, poden causar unha admiración inicial eses individuos dos cales se di que “están de volta de todo” ou que “teñen moitas horas de voo”, pero despois resultan ser  arrogantes, cínicos, condescendentes e fríos coma serpes.

A vida real, para ben e para mal, está chea de sorpresas. Que levante a man quen estea de volta de todo en canto a esta pandemia que afecta a todo o planeta. Á vista do fráxiles que somos, talvez o máis aconsellable é dicir de alguén que ten moita experiencia, e ir cara a un retorno á humildade, á inocencia, e a unha incrementada valoración do día a día.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.