Os contaxios en residencias increméntanse un 29% este venres e xa son dez os mortos

O 8,7% dos casos diagnosticados en Galicia proceden de centros para a terceira idade.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 27/03/2020 | Actualizada ás 23:30

Comparte esta noticia

Os contaxios en residencias de maiores aumentaron un 29,53% durante esta xornada, polo que actualmente rexístranse un total de 193 afectados: 148 usuarios e 45 empregados.

Con respecto ao último boletín oficial da Consellería de Política Social, emitido ás 15,00 horas, o número de maiores diagnosticados creceu un 32,14% (+36) e o de traballadores un 21,62% (+8). Desta maneira, Galicia case alcanza os 200 casos positivos de coronavirus procedentes de residencias de maiores, o que corresponde ao 8,7% do total de infectados en toda a Comunidade (2.211). Feijóo dixera na mañá deste venres que representaban só o 1% dos contaxiados.

33 DIAGNÓSTICOS EN CELANOVA

A residencia de San Carlos de Celanova (Ourense) foi a que máis casos diagnosticou ao longo desta tarde, un total de 33 que se suman aos 12 que xa había confirmados. Estes 45 casos corresponden a persoas maiores que viven no centro galego máis afectado de toda a Comunidade en relación á súa capacidade (o 75% das prazas existentes están ocupadas por pacientes infectados).

Un operario con traxe de desinfeccion na Residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense -foco principal de contagios do Covid-19 ata agora na provincia galega- en Celanova (Ourense, Galicia, España), a 24 de marzo de 2020.. Rosa Veiga - Europa Press
Un operario con traxe de desinfeccion na Residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense -foco principal de contagios do Covid-19 ata agora na provincia galega- en Celanova (Ourense, Galicia, España), a 24 de marzo de 2020.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Tamén hai un novo caso que apareceu na Fundación José Otero de Santiago. Igualmente, novos diagnósticos ratificáronse na DomusVi de Monforte de Lemos, que rexistra o seu primeiro paciente; no Centro Residencial de Atención a Persoas Dependentes (Crapd) de Vigo (1) e na Residencia de Castro Caldelas que ten dous casos activos.

Durante esta tarde de xoves tamén se rexistrou a morte dun home de 96 anos que residía no centro de Castro Caldelas e que eleva a cifra de vítimas mortais en Galicia ata os 48, cinco máis que onte. Ademais, o seu caso incrementa ata os 10 os falecidos na Comunidade procedentes de residencias de maiores. Os outros nove vivían na residencia DomusVi San Lázaro de Santiago (3), O Portazgo da Coruña (2), San Carlos de Celanova (1), DomusVi Barreiro de Vigo (1), Fogar Bellolar da Coruña (1) e DomusVi Carballo (1).

OUTROS CASOS ACTIVOS

En canto ao resto de casos que se manteñen activos por toda a Comunidade, a DomusVi de Vigo é a segunda con maior número de infectados (39); detrás atópase DomusVi de Santiago (22), O Portazgo (10), DomusVi Cangas (6), A nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras (5), A nosa Señora da Esperanza de San Rosendo (5), Fogar Bellolar (4), Residencia Concepción Arenal da Coruña (2).

A todos eles súmanse os casos individuais que se rexistraron na Residencia de Arteixo, Nosa Señora do Carme en Fisterra, Residencia Betania en Viveiro, Divino Mestre de San Rosendo e A nosa Señora da Asunción de Caldas de Reis.

TRABALLADORES INFECTADOS

Os empregados destas instalacións tamén son os grandes afectados desta pandemia. O número de casos activos creceu un 21,62% nas últimas sete horas.

Os últimos diagnósticos resultaron positivos apareceron na residencia de San Lázaro, que chega a sete (+3); Residencia Maiores San Pedro (Crecente) con dous casos; un en CRAPD Vigo e outro na de Foz.

O resto de centros manteñen os datos da tarde: 18 casos en Celanova, sete en Vigo, tres na nosa Señora da Esperanza, dúas en Cangas, un en Bellolar, un no Portazgo, un en Remanso Claudina-Somoza (A Coruña) e un en San Simón (Teo).

PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Nos Centros de Atención para Persoas con Discapacidade os casos confirmados por Política Social mantéñense cun total de sete afectados en Aspronga (1), Redondela (4), Aixiña (1) e Santa Cruz de Rosendo (1).

Ao mesmo tempo, a cifra de traballadores que padecen o virus mantense en seis: catro de Redondela, un da Vivenda Tutelada Ágora, de Monforte de Lemos e outro na de Santiago.

DENUNCIA DIANTE DA FISCALÍA

A Federación Galega de Usuarios e Familias de Residencias e Dependencia (REDE) denunciou ante a Fiscalía Superior de Galicia as accións "neglixentes" que se están levando a cabo nestes centros ante a expansión do COVID-19.

As residencias de maiores son un dos principais focos nos que máis está a afectar esta pandemia na nosa comunidade, que rexistra case 200 casos activos entre usuarios e traballadores, así como 10 falecementos procedentes destes centros.

Ante este escenario, familiares de residentes presentaron un escrito este venres nas dependencias da Garda Civil de Cangas para denunciar "neglixencias moi dolosas e reiteradas no tempo" cometidas polas residencias galegas e apuntan, en concreto, ás DomusVi, a compañía con máis número de xeriátricos de España.

Así o declarou este sábado o presidente dunha das asociacións asinantes (Vellez Digna) desta denuncia, Francisco Xosé Bernárdez, a Europa Press. Na conversación tamén explicou que a Fiscalía non pode dilatar a súa actuación no tempo, "non pode esperar", a que termine esta situación "para actuar" e "investigar" o que está a suceder nas residencias.

Ao seu xuízo, o persoal que traballa nos centros para a terceira idade "está esgotado", cunhas "condicións laborais asfixiantes" e "con cocientes insuficientes". Onde deberían haber "sete enfermeiras para cumprir coas quendas debidas, hai tres", unha situación que se mantén "co consentimento da Consellería de Política Social", afirma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Logo de 14 días non parece que teña moito sentido seguir a contar mortos ! Según parece aínda imos ter un montón máis... Case mellor poñer o foco nas Funerarias que parece boitres á búsca de clientes para facturar por coronavirus ! Alucinante pero certo...