Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/04/2020 | Actualizada ás 14:31
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), renunciou ao 30% do seu salario durante o tempo que se prolongue o estado de alarma derivado da pandemia do coronavirus ante a parálise económica en todos aqueles servizos considerados como non esenciais por parte do Goberno central.
O rexedor anunciou este xoves a súa decisión como un "xesto solidario, de carácter persoal, con aquelas persoas máis afectadas pola crise en termos económicos". Pérez Jácome explicou que "renunciar ao 30% do soldo de alcalde segue a media dos ingresos que perderán os traballadores de todo o país cunha situación de ERTE".
"O que toca agora é seguir traballando, tanto en facilitar os medios para garantir a saúde dos cidadáns como en adoptar aquelas medidas que poidan paliar os efectos económicos debido ao peche decretado", sostén o rexedor.
A través das súas redes sociais, Pérez Jácome sinalou que "continúa traballando ao 110%, incluídos festivos, para acelerar axudas municipais e obras". Ademais, tamén puxo en valor o traballo realizado polo goberno municipal que "tivo que adoptar moitas decisións e xestionar unha situación moi difícil".
CRÍTICAS DO PSOE
O Partido Socialista de Ourense criticou que Pérez Jácome faga "demagoxia barata" ao anunciar esta rebaixa do seu soldo cando "sabe que non é posible".
Os socialistas sinalan que o soldo do alcalde determínao exclusivamente o pleno, polo que "unicamente poderá realizar unha doazón despois de percibilo de forma íntegra".
Por iso, o PSOE de Ourense pide a Jácome que deixe de buscar "fotos e titulares" nun "momento crítico" e recoméndanlle que, se quere aforrar e axudar", recorte o "elevado número de asesores que levou ao máximo".
Os socialistas sinalan que o rexedor seguirá cobrando o seu salario íntegro —que ascende a 68.383,90 euros ao ano—, "como xa fixo no mes de marzo", cantidade que "despois poderá doar tal e como fan a diario "moitos cidadáns" sen publicitalo.
Ademais, o PSOE insta o alcalde a levar dita rebaixa ao pleno, onde está representada toda a corporación e que "se deixe de enganos e ocorrencias" co único obxectivo de "saír na foto".
LOITO OFICIAL
O Concello de Ourense, ante o "gran número de falecementos" como consecuencia da pandemia producida polA covid-19 decidiu decretar loito oficial. Faino como mostra de recoñecemento e recordo dos defuntos e como testemuño de apoio, solidariedade e condolencias do Concello de Ourense ás familias afectadas.
O loito oficial comezou este 2 de abril ás 13,00 horas. As bandeiras do Concello e do resto de edificios municipais ondearán a media hasta.ç
AXUDAS AUTÓNOMOS E PEMES
O concello de Ourense tamén decidiu ampliar a 20 millóns de euros as axudas destinadas a autónomos, pequeno comercio e a reforzar os colectivos de ámbito social, despois do pasado día 20 de marzo o alcalde anunciase un plan de 10 millóns de euros.
Gonzalo Pérez Jácome subliñou a necesidade de "axudar as persoas e colectivos que se están vendo afectados dun modo especial pola situación de alarma derivada do Covid-19". O alcalde quixo lembrar que "Ourense foi o concello de España que puxo encima da mesa a maior resposta orzamentaria" para facer fronte á situación.
A decisión foi comunicada previamente aos integrantes do grupo de goberno e está a ser analizada polos técnicos municipais co obxectivo de "minimizar a tramitación burocrática para conseguir que sexan efectivas canto antes".
RECIBO DE AUGA
Por outra banda, o Consistorio de Ourense e a empresa que xestiona o servizo municipal de auga, Viaqua, anunciaron este xoves que non farán ningunha reclamación polo pago do recibo durante o período de situación de alarma producido polo coronavirus.
Así, o concelleiro de Infraestruturas e portavoz do goberno, Miguel Caride, explicou que "non se producirá ningún corte na subministración de auga durante este período". "Esta medida ten como obxectivo garantir que un ben básico como a auga chegue a todos os fogares", engadiu.
Pola súa banda, a empresa concesionaria trasladoulle ao concello que "continúa a súa política de non cortar a subministración de auga ás persoas en situación de vulnerabilidade económica". Unha medida que desde que se produciu o estado de emerxencia sanitaria se ampliará a todos os usuarios.
CIENCIA PARA NENOS
Ademais, a concellaría de Medio Ambiente, en colaboración co grupo Big Van Ciencia, lanzou un novo proxecto educativo en liña co obxectivo de axudar ás familias e divertir aos nenos mentres aprenden ciencia. A actividade desenvolverase todos os xoves, ás 17,00 horas, a través da canle de Youtube da concellaría de Medio Ambiente e consistirá nun proxecto innovador no que "a ciencia e o humor se entrelazan para presentar un espectáculo experimental", segundo explicaron desde o Concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.