Nesta Noite Aberta ía a amosar o seu traballo o Club do Antifás, un colectivo de mozos e mozas boirenses, estudantes todos eles no IES A Cachada, que “organiza actividades reivinticativas, emprendedoras e creativas”, tal e como se definen eles; algo que continuamente lle estamos reclamando aos máis mozos e agora xa aos que non o son tanto: maior implicación.
Pois resulta, que os membros do Club do Antifás tiñan pensado realizar unha “performance” o sábado pola noite, na que a través dunha serie de proxeccións e unha representación querían lembrar o acontecido coa traxedia medioambiental ocasionada polo afundimento do Prestige. En definitiva, só intentaban amosar a través dun enfoque artístico-cultural o que nunca debemos borrar da memoria: os erros cometidos para non volver a equivocarnos; ou como di Paula García no seu Facebook: “participar facendo unha actividade informativa pero reivindicativa”
Pois resulta que estes rapaces de terceiro e cuarto da ESO non poderán desenvolver a súa actividade porque os organizadores non a atopan axeitada. Primeiro, negáronlle unha colaboura económica para poder mercar “fundas” brancas e capazos coas que poder vestirse como voluntarios; pero, unha vez que solventaron ese pequeno atranco, e ían a cubrir os gastos entre eles, os responsables municipais comunicáronlle que non a consideraban pertinente.
É triste que nos tempos que corren exista aínda a censura, pero tal e como se pode comprobar con feitos coma este, non só é real, senón que pon de manifesto que existen indivíduos que viven máis anclados no pasado que mirando cara o futuro, e que non teñen ningún tipo de escrúpulos para vetar e prohibir unha actividade que tiña como único obxectivo poñer de manifesto o dano que pode ocasionar a estupidez humana; a mesma estupidez que amosan con este acto os que pretenden calar a boca e borrar dun golpe o pasado. Hai persoas que dez anos despois da traxedia do Prestige aínda non foron capaces de superala.