Reflexionemos...pero con sentidiño

Días atrás leía no Facebook un comentario dunha comentario dunha compañeira que dicía: “@s secretari@s das distintas agrupacións son tamen responsables dos resultados electorais nos seus concellos, o mismo que os secretarios provinciais”.

Por Blas García | Boiro | 29/10/2012

Comparte esta noticia
 E confeso que afirmacións como estas énchenme de carraxe porque non entendo como hai compañeiros e compañeiras que queiran responsabilizar do nefasto resultado electoral a alguén que na maioría dos casos non teñen ningún tipo de culpabilidade, ao contrario, creo que se non fose polo seu traballo e esforzo altruísta –no noventa por cento dos casos- o resultado podería ter sido aínda peor.
 
Que responsabilidade pode ter o secretario xeral de A Baña, ou o de Negreira, ou de Vilamartín, ou o de Lalín, ou o de O Valadouro de que tivésemos baixado sete escanos? Está moi ben que reflexionemos, pero como dicía unha vez José Luis o de Salvaterrra: “con sentidiño”.
 
Cantos secretarios e secretarias xerais do PSdeG fan horas extras nas súas agrupacións sin que ninguén “dos de arriba” lles axude?, cantos poñen cartos do seu peto e horas de lecer por facer un traballo que ninguén “dos de arriba” lles agradece? De que recursos técnicos dispoñen para poder desenvolver con efectividade o seu traballo na organización?. En definitiva, que son os grandes sacrificados deste Partido, eles e os seus compañeiros e compañeiras nas executivas como para que agora os metamos tamén no saco das responsabilidades.
 
O día que ganen catro ou cinco mil euros, teñan teléfono móbil gratis, cobren polos desprazamentos, lle poñan liña ADSL gratuíta na casa, ou lle fagan desconto por comprar un coche deberemos de pedirlle responsabilidades. E tamén llas deberemos de pedir aos que están liberados para dedicarse en exclusividade á política, pero ao resto non; ao resto temos que darlle as grazas por estar aí, e por traballar gratis, e por convocar asembleas para facer propostas de candidaturas que despois as direccións se pasan polo forro da democracia interna para colocar a quen menos o merece ou menos ou ningún apoio ten.
 
Xa está ben de que nos metan a todos no mesmo saco e que cando se perde se nos diga que hai que compatir responsabilidades, pero uns compártenas desde un escano do Parlamento (por exemplo) e outros, a maioría, desde un traballo precario (os máis afortunados).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Blas García Blas García Piñeiro, nado en Cespón (Boiro) no ano 1969, aínda que agora vive en Ames. Estudiou Filoloxía Hispánica. Militante do PSdeG. Foi concelleiro en Boiro e Sº Xeral do PSdeG-PSOE de Boiro e da comarca do Barbanza. Na actualidade é Responsable de Comunicación dos Socialistas de Ames. A súa actividade profesional desenvólvese no mundo das redes sociais e a comunicación 2.0. Podes seguilo en www.blasgarcia.com