Lecturas da corentena por David González (V)

David González (Vigo, 1995) e autor do blogue cultural Palabra de Gastby. Durante estas semanas dará os seus consellos sobre títulos imprescindibles para ler neste tempo de corentena. As recomendacións da semana son Héctor Cajaraville. A caixiña dos rancores (Xerais, 2015); Antía Yáñez, O misterio de Portomarín (Galaxia, 2017); María Solar, Os nenos da varíola (Galaxia, 2017); Andrea Maceiras, O que sei do silencio (Xerais, 2017); David Walliams, A avoa gánster. (Sushi Books, 2017) e Andrea Barreira, Palabra de Bruxa (Galaxia, 2018).

Por Galicia Confidencial | Kassel, Alemaña | 06/04/2020 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

Para rematar con este fío de recomendacións coido que é necesario adicar un espazo propio a nosa literatura xuvenil. Os rapaces moitas veces non atopan os libros que precisan polas interferencias que o mundo dixital produce na súa vida diaria e porque tamén é complicado delimitar para as propias editoras indicar cal é o público ideal para cada libro. Por isto tedes aquí unha serie de libros que coido son obras que conquistarán facilmente á rapazada de calquera idade.

Héctor Cajaraville. A caixiña dos rancores (Xerais, 2015)

Quen podería imaxinar que dous elementos tan aparentemente inconexos como un atropelo accidental e o roubo de nenos  poderían dar lugar a unha historia verosímil e cunha consistencia tan tremenda?. Supoño que ningún de nós pode, pero Héctor Cajaraville fixo ese traballo de conexión por nós e agasállanos unha novela cun ritmo trepidante e chea de camiños en continuo cruzamento.

A caixiña dos rancores é unha novela que gusta a calquera lector. As súas tramas combinan elementos de distintas procedencias cunha calidade narrativa ó alcance de moi poucos. Posúe unha estrutura moi compacta que permite ó lector organizar as ideas e os datos con facilidade, e recompoñer tanto a vida dos personaxes como o caso que tanto lles preocupa. Hai un traballo moi relevante na composición das biografías dos personaxes, enchendo todos os ocos posibles e facendo da lectura unha investigación histórica na que o lector tamén participa.

A amizade profunda que se da entre Chiruca e Estevo non é cousa do azar, senón da comprensión de que a experiencia e a xuventude son eidos en constante interacción. O tratamento da cuestión dos nenos roubados é importante na construción dun imaxinario social pasado por parte de Estevo, que aínda que non o pode aceptar, axúdalle a comprender a inexistencia de límites na cobiza, a ruindade e as diferencias sociais. A concepción do mundo tan pechada de Estevo, tamén de Paula, desaparecerá, sendo isto un paso de xigante cara a propia madurez.

Respecto dos personaxes, o realismo é o máis importante neles. Vese que o autor ten ben apuntada a receita para a creación duns bos personaxes, xa que Chiruca, Paula e Estevo están perfectamente construídos. Os elementos que os fan merecedores de esta anotación son: os seus comportamentos máis orgánicos que novelescos, o seu discurso lonxe de ser prefabricado xorde da espontaneidade e o inmediato e que a súas relacións teñen vida fora do papel.

A caixiña dos rancores é unha novela que todo adolescente, cativo ou adulto debe ler. Unha historia de tristuras e enganos pero tamén de amor e amizade. Sen aderezos de ningún tipo e cun ritmo áxil e unha prosa sinxela, esta publicación de Cajaraville é tan natural como engaiolante.

 Antía Yáñez, O misterio de Portomarín (Galaxia, 2017)

Se temos que sinalar cales serían as voces máis prometedores da nosa literatura nos últimos anos, unha ten que ser a de Antía Yáñez. A autora de Cecebre conta os seus libros por éxitos entre os distintos públicos e a crítica. Eu tiven sempre bastante claro  que tiña moito talento para narrar cando lin O misterio de Portomarín, a súa primeira obra.

Nesta ficción presenta a un pequeno grupo de irmáns con caracteres moi distintos e que viven en conflito constante. A súa diferenza de idade e esa heteroxeneidade farán que pensen que o verán non trae nada bo para eles. Durante toda a historia veremos unha evolución neles e nos seus comportamentos e, pese a que non dispoñen dun franxa temporal suficiente para a súa madurez, si que atoparan as virtudes do traballo colectivo.

Un personaxe esencial é o can “Venres”, chiscadela evidente ó personaxe de Robinson Crusoe, que será un compañeiro máis na aventura e que colaborará a descuberta de pistas para resolver o misterio. O seu coidado será o primeiro mecanismo de cohesión para este grupo de rapaces. A idea deste personaxe tamén remite a necesidade de completar un elenco propio de case todas as novelas xuvenís de xénero detectivesco como Os cinco de Enid Blyton ou Xemelgos de Laura Lee.

A autora actúa case de xusticeira propoñendo unha historia que ten como protagonista a cidade luguesa e os sucesos que alí tiveron lugar. Os demais personaxes que aparecen na historia son froito do seu contexto, o dun Portomarín asolagado, da mesma forma que as súas casas, recordos e vidas pasadas. Feitos todos eles que a autora non esquece prosificar a modo de denuncia contra o esquecemento e como mostra de rebeldía ante a historia dende o poder.

En resumo, O misterio de Portomarín é unha historia que o público infantil e xuvenil gozará moito, e considero que tamén o adulto, e que transmite unha mensaxe forte sobre a importancia da memoria e a identidade.

María Solar, Os nenos da varíola (Galaxia, 2017)

Disque Edward Jenner probou un método en 1796 para intentar radicar os contaxios masivos provocados pola varíola, unha das enfermidades máis perigosas da época. Este home descubriu que mediante a vacinación podería evitarse o contaxio. Esa técnica preventiva foi moi mal vista por moitos, sen embargo, algúns como Francisco Javier Balmis viron neste método a oportunidade de erradicar a varíola e programou unha expedición que levaría a vacina a América nos corpos de 22 nenos que sen sabelo serían historia. Todo isto son datos que coñecemos agora, tristemente silenciados no sistema educativo do país tanto pola falta de educación científica como da reacción alérxica que produce a memoria no país. María Solar recupera este gran evento da historia da medicina universal no seu novo libro.

Neste libro a autora non pretende unicamente literaturizar feitos reais, senón reivindicar o papel dos seus protagonistas nun exercicio literario documentado e con aspectos de crónica. As fases da enfermidade, o papel dos expósitos ou a situación do país están descritas fielmente e amosan a intención da autora de facer unha historia marcadamente realista.

Os 22 nenos expósitos aparecen acreditados nesta historia cos seus nomes e apelidos reais, como tamén os restantes membros da expedición. Os únicos engados ficticios son as historias que teñen lugar fora do orfanato e que, aínda sendo creacións, constatan a traxedia das nais que non poden permitirse alimento para o seus fillos e tentan protexelos dun mundo moi cruento cos que non teñen posibles.

A prosa de María Solar alcanza neste libro o seu punto máis alto de madurez. Pese ó marcado peso documental que a historia esixe  a información outorgase en resposta as necesidades de cada situación. O estilo é axeitado e a novela pechase cun adecuado epílogo que nutre ó lector da información restante sobre a expedición.

Unha obra moi axeitada para estes tempos tanto pola temática como por o feito de que pon en consideración o valor da medicina e dos sanitarios e a necesidade da inversión en ciencia para solventar problemas.

Andrea Maceiras, O que sei do silencio (Xerais, 2017)

As historias de Andrea Maceiras sempre son ben recibidas no mercado literario tanto pola súa calidade como polas súas diferentes temáticas dentro do ámbito xuvenil. O que sei do silencio é a súa nova proposta narrativa na que asistimos ó relato dun caso de acoso dende a perspectiva dunha acosadora pasiva.

O primeiro dos elementos interesantes nesta obra é a escolla deste punto de vista. Delia é unha acosadora que pese a ser "pasiva" nunca oculta a súa parte de culpa neste problema. A covardía é o seu pecado capital e a escrita non xorde como terapia propia, senón como colectiva e catártica. A obra presenta a necesidade de falar sobre este tipo de casos, pedir axuda e por riba de todo, a valorar o poder das palabras.

Esta novela narrase a través de numerosos posts de Delia nun blogue no que diversas persoas externas comentan e a súa participación tamén é motivo de comentario nos posts seguintes. A introdución de contos nalgúns posts tamén axudan a analizar dende unha perspectiva literaria e metafórica os temas ós que se da visibilidade na novela. Interesante é, polo tanto, acudir a estes contos en varias ocasións.

A de Andrea Maceiras é unha desas historias que enganchan, que teñen conciencia do seu destinatario e que se escriben dende unha posición activa e sensible. Sen dúbida, unha obra moi necesaria.

David Walliams, A avoa gánster. (Sushi Books, 2017)

Sushi Books publica por primeira vez en lingua galega unha das divertidas obras do actor, cómico e autor inglés David Walliams. A avoa gánster é un deses títulos divertidísimos e de lectura sinxela que axudan a crear lectores e mantelos nunha época tan complicada como é a (pre)adolescencia.

Coido que non se pode definir mellor este libro do que o fan na editora, así que déixovos unha sinopse do libro: “Para Ben, os venres son o peor día da semana. Mentres os seus pais ven Bailando coas estrelas, el ten que pasar a noite coa súa vellísima avoa.  Non pode faltar a sopa de repolo e a partida de Scrabble. Pero un día Ben descobre que a súa avoa agocha un auténtico tesouro…Será a ladroa de xoias máis buscada do mundo?”

Manter tanto a capa como as ilustracións orixinais de Tony Ross é un acerto da editora, así como respectar os distintos cambios de formato e tipografía que aparecen ó longo do volume e que aportan moito dinamismo a súa lectura. Engadidos todos eles que fan de ler este texto unha divertida aventura.

Tamén é interesante presentar os valores que transmite este libro como esenciais para a xuventude: o respecto ós maiores, a paixón por todo o aparentemente banal, o amor pola familia, a dureza tanto física como mental das enfermidades e a necesidade de combatelas aferrándose a vida.

O seu ritmo áxil e a súa trama aparentemente sinxela, mais moi imaxinativa fai que este libro sexa unha inclusión acertada no noso sistema literario. Coido que os libros de David Walliams gozarán dunha recepción moi positiva por parte dos lectores.


Andrea Barreira, Palabra de Bruxa (Galaxia, 2018)

Andrea Barreira fai o seu debut na colección Costa Oeste de Galaxia con Palabra de bruxa, unha novela xuvenil escrita dende unha necesaria perspectiva de xénero e que aliméntase da tradición mística galega para construír un texto tan atípico como interesante.

Aínda que é certo que na novela afóndase tamén nos rituais máxicos destas bruxas, o certo é que esta destaca principalmente pola perspectiva das bruxas como mulleres que viven en e por a súa comunidade. As relacións colectivas entre mulleres son libres de calquera crítica no libro pois fanse dende a liberdade, a vontade e o dereito a autodeterminación. Redes necesarias que xeran forzas para soportar a lamentable realidade.

Este tipo de liberdades son as que tenta eliminar a sociedade na que viven, baseada na moral católica e na que a Inquisición conforma un órgano ditatorial terrible. Estas mulleres son xulgadas por toda a sociedade pola súa vida amoral e condenadas a vivir no silencio. As torturas que sofren teñen cabida nesta historia sen censurar a súa brutalidade, pois é tan necesario facela pública como a opresión que sofren en todos os ámbitos da súa vida. Ninguén lembra as veces que estas bruxas axudaron ós habitantes da cidade, as diferentes relacións interpersoais que estableceron con elas ou a cantidade de consellos recibidos. O que asusta non é a maxia destas mulleres senón a súa liberdade.

A nivel narrativo nesta novela hai moito de bruxería en canto a intermitente introdución de distintos episodios ou situacións puntuais entre as distintas partes deste longo xuízo no que Berenice non ten ningunha ocasión real de defenderse. Todos estes episodios aportan a historia moita profundidade e tamén aportan dinamismo a un proceso institucional bastante lento.

En resumo, coido que este libro de Andrea Barreira ten moito que ofrecer ó público xuvenil. Destacable é, especialmente, a mensaxe que transmite e que no final do libro esta ten especial forza e espectacularidade. Pola miña parte non podo facer máis que convidarvos a participar deste aquelarre.

Selección de obras para a corentena de David González
Selección de obras para a corentena de David González | Fonte: Lucía González

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta