Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/11/2012 | Actualizada ás 18:35
Son 16 empresas das máis importantes de Galicia. No seu día achegaron unha cantidade próxima a 2,7 millóns de euros --ata completar 45 millóns-- á recapitalización de Novagalicia Banco (NGB). Un ano despois, a participación do 2,6% que compraron hai un ano, non vale nada.
O investimento total fíxose co compromiso de José María Castellano, presidente da entidade financeira, de que el traería polo menos 500 millóns máis de investidores institucionais para capitalizar o novo banco xurdido da fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Nesta operación interviu, como mediador, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que mantivo entrevistas persoais con estes empresarios para recaudar ese diñeiro.
Xuntanza co FROB
Pero, a pesares das promesas de Castellano e de Feijóo, NGB vai ter que ser rescatado por terceira vez cunha inxección de capital público de 7.176 millóns, segundo o informe de Oliver Wyman. Por iso, e tal e como conta elconfidencial.com, estes empresarios mantiveron unha reunión cos responsables do Fondo de Restructuración Ordenada Bancaria (FROB) para saber como poden recuperar millóns que investiron en decembro do pasado exercicio.
Segundo este confidencial, moitos destes empresarios síntense enganados por Castellanos e por Feijóo. Entre eles están a familia Somoza, dona de Transportes Azkar; Manuel Jove, ex presidente de Fadesa, así como os propietarios de empresas como Gadisa, Coren, Rianxeira, Copasa e a Construtora San José. Tamén están afectadas, entre outras, a empresa de calefacción e climatización Climagal; Igalux Innova, dedicada a innovación e investimento en empresas tecnolóxicas; Investimentos Galegos do Cable, que participou no capital de R; o estaleiro Rodman; Egasa, subministradora de máquinas de xogo e propietaria da metade do Casino La Toja; e Fillos de Rivera, donos da cervexa Estrela Galicia.
Feijóo, desentendese
NGB xa tivo axudas en 2010 por máis de 1.162 millóns. Despois, en setembro de 2011, recibiu outros 2.682 millóns con cargo ás arcas públicas, ata que en decembro chegaron outros 70,4 millóns procedentes das grandes fortunas galegas --45 millóns e o resto do acordo extraxudicial polo que Novagalicia pagou ao propietario Hierros Añón por unha inversión errada anterior en Corporación Caixa Galicia.
Nun primeiro momento, Feijóo mesmo lles chegara a pedir 150 millóns. Pero agora, e segundo elconfidencial, o renovado presidente da Xunta desentendeuse da situación e rexeitou negociar en nome dos millonarios afectados. Por ese motivo, os empresarios decidiron ir directamente a negociar co Banco de España.
Non é a primeira vez que un goberno popular intervén nunha operación semellante. Outros empresarios murcianos acudiron á chamada do PP de Murcia para evitar a bancarrota de Banco Mare Nostrum, controlado no seu día por Caixa Murcia. Esa operación fíxose mediante unha emisión de bonos convertibles, que hoxe en día tampouco valen nada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.