Rebaixa do IRPF para agricultores e gandeiros afectados por danos climáticos

A Delegación do Goberno estima que as reducións poden supor en Galicia unha minoración da base impoñible duns 7 millóns.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/04/2020 | Actualizada ás 11:01

Comparte esta noticia

O Boletín Oficial do Estado recolle este xoves a Orde do Ministerio de Facenda pola que se reducen os Índices de Rendemento Neto aplicables en 2019 no sistema de estimación obxectiva do IRPF ou de módulos, para agricultores e gandeiros afectados por diversas circunstancias excepcionais.

Esta orde recolle a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) de minoración dos devanditos índices. Para aplicar a rebaixa, tivéronse en conta danos climáticos e outro tipo de adversidades, como os derivados de problemas de mercado.

A Delegación do Goberno sinala que, en Galicia, as reducións establecidas a escala estatal afectan a un amplo sector gandeiro e a producións notables dentro do seu ámbito territorial.

Así mesmo, indica que beneficia, a nivel autonómico, a agricultores dedicados a cultivos como cereais, cítricos, froiteiros, leguminosas e oliveirais, así como aos produtores de gandaría extensiva, vacún de leite e apicultura. Ademais, no ámbito provincial e municipal destaca a rebaixa nos módulos para os produtores da castaña, de pataca e de forraxes.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación calcula que a aplicación desta norma no sector agrario supón unha rebaixa da base impoñible da orde de 614 millóns de euros para o sector agrario, a maior cifra do último quinquenio e aproximadamente o triplo da de 2018.

Deste xeito, en Galicia, o conxunto de todas as reducións pode supor unha minoración da base impoñible duns sete millóns de euros.

O departamento que dirixe Javier Losada sinalou que tamén se aplican á campaña de módulos 2019 reducións para os agricultores que utilicen electricidade para a rega, en aplicación dun coeficiente corrector que se introduciu en 2014 e que poderán seguir aplicando sobre o rendemento neto dos cultivos regados, e que suporá unha redución dun 20% do mesmo.

Así mesmo, mantense a redución do 5% do rendemento neto calculado polo método de estimación obxectiva para 2019. Trátase dunha medida de carácter horizontal que afecta á totalidade dos agricultores e gandeiros que tributen en estimación obxectiva.

POR SECTORES

As reducións establecidas con carácter estatal para a declaración da renda 2019, para os sectores agrícolas son do 0,26 a 0,18 para cereais e cítricos; do 0,37 ao 0,3 para froiteiros non cítricos; de 0,26 a 0,18 para leguminosas; de 0,32 a 0,22 para oleaxinosas, e de 0,26 a 0,13 para o oliveiral.

Nos gandeiros, a rebaixa para o bovino de leite é de 0,20 a 0,18, para o bovino de cría extensivo de 0,26 a 0,18, para o bovino de carne extensivo de 0,13 a 0,09, para o ovino de carne extensivo de 0,13 a 0,09, para o ovino de leite de 0,26 a 0,18; para o caprino de carne extensivo de 0,13 a 0,09, para o caprino de leite de 0,26 a 0,18, para o porcino de carne extensivo de 0,13 a 0,09, para o porcino de cría extensivo de 0,26 a 0,18 e para a apicultura de 0,26 a 0,13.

OUTRAS REBAIXAS

A Delegación do Goberno destacou que outras minoracións que afectan a todo un ámbito provincial son, por exemplo, en Ourense, as reducións do 0,26 ao 0,13 para a castaña. Estas serán aplicables en 38 concellos nos que tamén se inclúe a Montaña de Lugo.

Para a pataca, do 0,26 ao 0,18 en 33 municipios, nos que figura a comarca da Costa en Lugo. Ademais, as forraxes, do 0,37 ao 0,26 en oito municipios da provincia lucense.

Foto recurso dunha vaca. CALIDAD PASCUAL
Foto recurso dunha vaca. CALIDAD PASCUAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta