Denuncian ante Fiscalía os xestores de todas as residencias galegas con casos de COVID-19

A Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias (REDE) impulsa a denuncia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2020 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias (REDE) presentou ante a Fiscalía Superior de Galicia dúas novas denuncias contra todos os propietarios, xestores e directivos das 42 residencias de anciáns nas que se detectaron casos de coronavirus.

Anciá chegando á residencia Tempo libre de Patos (Nigrán)
Anciá chegando á residencia Tempo libre de Patos (Nigrán) | Fonte: © Miguel Núñez.

En concreto, trátase de dúas denuncias a nome de Francisco Xosé Bernárdez Solla, presidente do colectivo cangués Vellez Digna e secretario de REDE. Unha delas está dirixida a todos os xeriátricos de Galicia que contan con contaxios de COVID-19, mentres que a outra acusa unicamente os centros do Grupo DomusVi e directamente a súa CEO en España, Josefina Fernández Miguélez.

Esta denuncia vai contra todos aqueles responsables de residencias "que tivesen algo que ver, por acción ou omisión, con calquera decisión tomada" que desencadease a comisión de ata sete delitos recollidos no Código Penal, entre eles "omisión de socorro" e "denegación de auxilio", segundo recolle o escrito.

Ademais, o documento rexistrado con data a 13 de abril solicita á Fiscalía Superior de Galicia que envíe a policía xudicial aos centros para comprobar se cumpren os protocolos, a solicitar probas dos delitos denunciados e a tomar declaración aos traballadores e familiares dos usuarios.

De acordo co último balance da Consellería de Política Social, os casos de COVID-19 nas residencias de maiores seguen á alza e xa chegan aos 888 usuarios (+28 con respecto a este xoves) e a 347 traballadores.

Segundo a última información facilitada por Sanidade, o 4 por cento dos residentes deste tipo de instalacións en Galicia están infectados por coronavirus e ata o momento faleceron 183 persoas residentes —95 no centro e 88 en hospitais ou residencias integradas—.

"ESCURANTISMO" DA XUNTA

Pola súa banda, o sindicato CIG denuncia "escurantismo" por parte do Goberno galego nos datos sobre a afectación do coronavirus nos seus centros residenciais.

"Négase a dar datos de usuarios infectados, persoas falecidas causa do virus e, mesmo, non informa as persoas traballadoras que deron positivo nos seus centros", censura.

De feito, asegura que "máis escurantista, se cabe", é para a CIG "a falta de información" acerca de residencias integradas onde todos os usuarios con positivos en coronavirus.

E é que o persoal, que traballa en "quendas intensivas de 12 horas durante sete días", "aínda non se lle fixo un test para garantía e tranquilidade das persoas, dos seus compañeiros e da súa familia, nin teñen pensado facelo segundo confirma a propia Consellería".

Ademais, recrimina que o "colmo" é que se envía a persoal público a residencias privadas, "nunha estraña sorte de cesión de persoal onde só existen obrigas laborais e poucos dereitos, e nin se garante nin un EPI adecuado e moito menos formación preventiva ante o contaxio da COVID-19".

Pola súa banda, UGT demanda a revisión urxente das medidas preventivas do persoal e asistenciais prestadas na a residencia integrada de Baños de Molgas (Ourense).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta