A Axencia Espacial Escolar Galega comparte recursos educativos sobre ciencias, matemáticas e tecnoloxía

Toman as viaxes á estratosfera das cápsulas MarumaSat como pretexto para a abordaxe dos contidos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/04/2020 | Actualizada ás 10:45

Comparte esta noticia

No contexto xerado pola pandemia da COVID-19, a NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega vén de publicar en aberto un conxunto de recursos educativos dixitais de elaboración propia para distintas materias e niveis.

Sonda MarumaSat III
Sonda MarumaSat III | Fonte: NOSA

NOSA quere así "contribuír como axente activo ao proceso de ensino-aprendizaxe", explican os seus promotores.

Por este motivo, achega a publicación en aberto de tres paquetes de recursos educativos a disposición das aulas galegas. Foron deseñados polo profesorado do proxecto NOSA e toman as viaxes á estratosfera das cápsulas MarumaSat como pretexto para a abordaxe dos contidos. Están estruturados en tres bloques principais: 'As ciencias na MarumaSat', 'As matemáticas na MarumaSat' e 'A tecnoloxía na MarumaSat'.

O primeiro bloque, 'As ciencias na MarumaSat', aborda aspectos do coñecemento da atmosfera, gases e aerostática, consonte aos currículos das materias de Bioloxía e Xeoloxía de 1º ESO e Física e Química de 2º e 4º de ESO, respectivamente.

O segundo, 'As matemáticas na MarumaSat', céntrase en diversos contidos da materia de Matemáticas de cada un dos catro niveis da ESO. Os recursos afondan no estudo das porcentaxes, proporcionalidade, linguaxe alxébrica, coordenadas cartesianas, concepto de función e introdución á estatística (1º ESO); funcións (2º ESO); coordenadas xeográficas e funcións cadráticas (3º ESO); razóns trigonométricas, problemas métricos, funcións elementais e estatística e probabilidade (4º ESO).

O terceiro bloque, 'A tecnoloxía na MarumaSat', desenvolve contidos da materia de Tecnoloxía nos cursos de 2º, 3º e 4º de ESO. Os recursos tratan a definición da tecnoloxía e a súa utilidade, a ciencia dos materiais, as ferramentas, a seguridade e saúde no taller e o traballo en equipo (2º ESO); o proceso tecnolóxico, a influencia da tecnoloxía na sociedade, planificación e construción de prototipos e os plásticos (3º ESO); as telecomunicacións e os sistemas de control (4º ESO).

Os recursos están dispoñibles na páxina web da NOSA, na sección “Recursos educativos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta