Morre un mozo tras saírse da vía despois de atropelar un xabaril e chocar contra un muro en Rodeiro

Os animalistas piden elementos luminosos nas beiravías que eviten a entrada de toda clase de animais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2020 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

Un home de 30 anos de idade e veciño de Lugo faleceu na noite deste luns nun accidente de tráfico rexistrado tras saírse da vía despois de atropelar un xabaril e chocar contra o muro dun alpendre en Rodeiro.

Xabaril na estrada
Xabaril na estrada | Fonte: Europa Press.

Segundo os datos facilitados pola Garda Civil de Tráfico, o sinistro tivo lugar sobre as 23,45 horas deste luns no quilómetro 17,100 da estrada PO-533 ao seu paso polo Alto do Faro, dirección Lalín, no termo municipal de Rodeiro.

O vehículo no que circulaba o mozo saíuse da vía tras atropelar un xabaril e acabou chocando contra o muro dun alpendre, despois do cal se lle caeu enriba a construción, indicaron as mesmas fontes.

O home, segundo sinalou o 112 Galicia, foi excarcerado do vehículo polos Bombeiros do Deza e, a pesar dos esforzos dos profesionais sanitarios, faleceu no lugar.

ANIMALISTAS

A asociación animalista Libera urxiu a xeneralización de medidas de prevención na rede viaria galega tras este accidente. Sinalan que este tipo de sucesos deberían evitarse coa habilitación de todos os medios de disuasión posibles "tal e como sucede noutros países" como Luxemburgo e Alemaña.

Libera asegura que en ambos os Estados as vías de tránsito rodado contan con elementos luminosos nas beiravías que evitan a entrada de toda clase de animais, como raposos, xabarís ou cervos. Unhas medidas que, segundo indica, poderíanse complementar en Galicia coa instalación de detectores de movemento luminosos que se activasen ao detectar o paso de animais pola calzada.

Os animalistas aseguran que xa expuxeron en diversas ocasións a instalación destes dispositivos para evitar accidentes como o rexistrado no Alto do Faro e lembran que a principios de abril tamén se notificou un atropelo con cuantiosos danos materiais no corredor C.G 2.2, preto da Pobra do Brollón (Lugo).

"A aplicación de métodos de disuasión e seguridade viaria podería ser financiada en diferentes porcentaxes polo Executivo galego e o Goberno central", sostén Libera, que pide que se soliciten fondos europeos para investigar diferentes medios que poidan instalarse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta