Máis de 1.500 persoas aprenden galego en cursos en liña da Xunta

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2020 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

Máis de 1.500 persoas aprenden galego durante estas semanas a través dos cursos en liña que ofrece a Xunta no marco do Plan de Teleformación en Lingua Galega para o ano 2020 para residentes tanto dentro como fóra do país.

En concreto, segundo a Xunta, un total de 1.080 alumnos participan, ata o 8 de maio e baixo a tutorización de profesorado específico, en 34 cursos preparatorios das probas de acreditación do Certificado Celga, en catro dos seus niveis.

Máis ao detalle, desenvólvense desde o 16 de marzo tres cursos do Celga 1, oito cursos do Celga 2, oito cursos do Celga 3 e 15 cursos do Celga 4, todos eles, incluso os previstos inicialmente como formación presencial, na modalidade de teleformación, debido ás circunstancias motivadas pola crise da Covid-19.

Así mesmo, un total de 300 traballadores ao servizo da Administración seguiron ata este domingo 12 cursos de formación en linguaxes específicas de galego, linguaxe administrativa e xurídica nos seus niveis medio e superior, dos 34 que Política Lingüística previu desenvolver ao longo deste ano en colaboración con outros organismos.

Os 22 restantes ofrecerán outras 550 prazas destinadas ao persoal das diferentes administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público galego, así como da administración de xustiza e persoal de administración e servizos do tres universidades galegas.

Esta oferta formativa compleméntase coa das escolas oficiais de idiomas das sete cidades galegas, dependentes da Consellería de Educación, que desenvolven ata maio cinco cursos de linguaxe administrativa galega medio e superior, con 125 persoas matriculadas, logo dos seis que desenvolveron durante o primeiro cuadrimestre deste curso 2019-2020.

Nestes centros de formación tamén se desenvolven agora 17 cursos preparatorios das probas de acreditación do Celga, dos 34 que ofrecen dentro da súa programación formativa do ano escolar en curso, no que 225 alumnos preparan o Celga 2, 225 o Celga 3 e 400 o Celga 4.

A maiores, a Xunta informou de que os prazos de inscrición na convocatoria oficial de probas de acreditación Celga para o ano 2020, previstas para os meses de maio e xuño, atópanse interrompidos, e que se reiniciarán unha vez superado o estado de alarma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta