Isto vai de tronos

Bárbara de Nicomedi non o tivo doado na súa curta vida. Recluída nunha torre polo seu pai, para evitar un matrimonio a destempo, abrazou alí o cristianismo e ben logo a súa negativa a renegar das súas crenzas fixo que sufrira torturas e sendo decapitada polo seu proxenitor. A súa morte foi sucedida por unha terrible tormenta. En 1568 Pío V fixo santa a Bárbara de Nicomedi, que xa era venerada como patroa de artilleiros e mineiros. Santa Bárbara xa estaba presente, dende a Idade Media, no pañol onde se almacenaban a pólvora nos navíos. Unha pequena figura da mártir gardaba aqueles espazos tan perigosos da mala fortuna.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 30/04/2020

Comparte esta noticia

A tráxica vida, o tráxico fin, de Santa Bárbara, e a súa figura nos polvoríns, deixou para a posteridade un famoso dito: “Lembrarse da santabárbara cando trona”, que chama a atención sobre o feito, recorrente, de que nos lembramos dos problemas cando se nos presentan, as mais das veces cando xa non teñen solución, no canto de telos anticipando con tempo resolvéndoos antes de que se produciran.

Interior da nova fábrica de Cortizo en Padrón. GRUPO CORTIZO - Arquivo
Interior da nova fábrica de Cortizo en Padrón. GRUPO CORTIZO - Arquivo

Levamos xa unhas cantas semanas nas que a Santa Bárbara a temos moi presente. Lembrámonos estes días da necesidade de contar cunha industria que poda atender as necesidades do país. Lembrámonos do moito que nos queda aínda por avanzar en temas como teletraballo, economía dixital, teledocencia… Lembrámonos tamén do importante que é ter dirixentes que estean á altura dos retos, tanto á hora de gobernar como de ser oposición… e o facemos mirando con envexa aos veciños portugueses… e nos lembramos da importancia que ten a Ciencia.

Sobre todos os asuntos arriba enumerados, e unha man chea mais, facemos votos para que, esta vez si, está vez, tan pronto superemos esta crise, imos emendarnos. Desta, xuramos e perxuramos, xa aprendemos.

Desgraciadamente a historia recente non axuda a ser confiado.

A crise económica de 2008, aínda apenas superada, si tal ten acontecido, evidenciou as moitas carencias deste país: un crecemento económico sobre bases precarias, desigualdades sociais profundas ou o ensimesmamento dun amplo número dos nosos representantes políticos, sempre pendentes de quedar ben na foto e algo menos de estar ao tanto dos problemas da cidadanía, son uns poucos exemplos.

Pasou unha década e case todo está por facer. Hai dez anos a crise económica mostrou  debilidade para innovar da economía española. Non era algo descoñecido. A crise deixou claras as enormes diferenzas entre o motor das economías mais avanzadas e o motor da propia: chips e deseño industrial ala, ladrillo e copas baratas acá, digámolo sen medias tintas . Nada era novo en verdade, pero neses anos cun nivel de desemprego superando o 20% o camiño de erros sobre o que se sustentaba o milagre español definitivamente soubemos que levaba a mal sitio.
Tal vez agora as cousas sexan diferentes. Tal vez agora que clamamos por vacinas e por fármacos que nos libre do COVID19 sexamos conscientes de que nin as unhas nin os outros caen do ceo.  Vacinas e fármacos son froito de investimentos inxentes, sostidos no tempo, en forma de formación universitaria, infraestruturas científicas, investigación, desenvolvemento tecnolóxico… tanto por parte do sector público: universidades, CSIC, centros de investigación..., como por parte do mundo empresarial.

Botar a vista atrás non nos fai confiar. En 2010 España dedicada o 1,4% do Produto Interior Bruto, 14.588 millóns de euros, a actividades de I+D. Segundo os datos dunha das últimas publicacións da Fundación COTEC (que agrupa a institucións públicas que desenvolven políticas de promoción da investigación e grandes empresas) en 2018 a parte do PIB dedicado a I+D, logo dunha recuperación nos últimos anos, era do 1,24%. En euros correntes chegabamos a 14.940 millóns de euros, apenas un 2,4% mais que oito anos antes. Pero o dato en euros correntes oculta a realidade: en 2018, España gastou uns 1.100 millóns de euros menos en I+D que oito anos antes, xa que a inflación acumulada no período é de arredor dun 10%, segundo datos do INE.

O mal desempeño de España en investigación e desenvolvemento,  que formou parte da vía española para mal saír da crise económica, contrasta co facer dos nosos socios europeos. No mesmo período os gastos en I+D creceron o 38% en Alemaña, o 21% en Reino Unido ou o 17% en Italia. Países todos eles que xa partían de investimentos superiores, en porcentaxe de PIB, aos españois. Hai algo mais dunha década o Plan Nacional de I+D fixábase o reto de chegar a un investimento do 2% do PIB en I+D… hoxe esa cifra sona case a broma pesada.
A estrutura empresarial española, na que a pequena empresa ten un peso maior que noutras economías mais avanzadas, esixe un maior esforzo do sector público á hora de promover o investimento privado. Incluso en escolas económicas adversas á participación pública na economía xustificase a existencia de políticas públicas de apoio á I+D empresarial: como unha forma de fomentar o incremento dun ben público, como é o coñecemento e evitar os fallos do mercado que ameazan a actividade de investigación: o alto risco, os problemas de apropiabilidade dos beneficios xerados…

España conta con distintos instrumentos e institucións públicas para promover a I+D e en concreto a I+D empresarial, pero semella que nos últimos anos, sobre todo durante os nefastos anos dos gobernos encabezados por Mariano Rajoy, a política do Estado con respecto á I+D, pública e privada, foi unha especie de enganabobos con resultados tráxicos, que hipotecan o futuro da economía española.

Os recortes orzamentarios puxeron contra as cordas a universidades e centros de investigación, e diminuíron as axudas reais á I+D empresarial. Son datos extraídos de documentos da Fundación COTEC, non dun think tank bolivariano. Durante os gobernos de Mariano Rajoy os capítulos dos orzamentos que financiaban transferencias correntes, investimentos reais, gastos de persoal ou gastos de capital a empresas e institucións, relacionados con I+D+i, pasaron de significar o 50% do importe total das partidas, a ser apenas un terzo. Pola contra os gastos financeiros (que apoian a concesión de préstamos a empresas) pasaron do 50% ao 65%. Nunha situación de crise económica, con moitas empresas en situación crítica, o goberno do Estado optou por priorizar as liñas de axudas a empresas mais inadecuadas. O resultado era o agardable, e creo que tamén agardado polos responsables políticos: o nivel de execución dos orzamentos de gastos financeiros foi apenas dun 18,1% en 2017, cando en 2008 fora dun 80%. O equipo de Rajoy atopou a forma de dicir que mantiña o apoio á I+D, de anuncialo a bombo e platillo, pero na realidade disminuilo. Fixaban cantidades importantes nos orzamentos pero sabendo que as empresas non tiñan capacidade económica para endebedarse por un euros mais. Moito ruído pero poucas noces.

O desenvolvemento dun sistema de ciencia e tecnoloxías ten moito que ver co desenvolvemento dun sistema educativo de excelencia. En todos os seus niveis, pero sobre todo no que ten que ver coa educación superior, mais nun país como España onde a produción científica é froito, nun 60%, da investigación universitaria. Unha persoa tan comedida como se espera que sexa o directivo dunha empresa global como INDITEX, Antonio Abril, que ademais é presidente do Concello Social da Universidade da Coruña, escribía hai unhas semanas un artigo na prensa: “Si, a ciencia é moi rendible”, no que sacaba a colación un par de datos interesantes: o gasto en educación representa en España o 4,24% do PIB, o porcentaxe mais baixo dende 2006, a moita distancia dos países mais avanzados, como Suecia ou Finlandia que superan o 6,75%. No caso concreto do gasto público en universidades, España dedica ao mesmo o 1,28% do PIB, moi por debaixo da media da OCDE que se sitúa no 1,52%. Hai un días lía que durante a crise económica a contribución pública ás universidades baixara, en termos reais, arredor dun 20%, os datos das estatísticas educativas o corroboran. A baixada que en parte foi cuberta con incrementos das taxas que pagan os estudantes e as súas familias, un incremento desigual entre comunidades que sitúan o prezo das universidades cataláns ou madrileñas entre os mais altos das universidades públicas europeas. Unha política, a redución dos orzamentos universitarios, que reduciu a capacidade de producir ciencia, e polo tanto a capacidade de innovación na nosa sociedade. Pola súa banda o incrementando das taxas dificulta á universidade cumprir co seu papel de “ascensor social”, como ten feito nos pasados 50 anos.
Os recortes levados a cabo no sistema español de I+D teñen significado o abandono de liñas de investigación en múltiples campos científicos, a expulsión de xoves investigadores que non puideron continuar a súa carreira, o abandono de investigadores senior que optaron por retirarse antes de tempo, cansos de estar pelexando por fondos que nunca chegaban... unha situación cuxas consecuencias se nota e se notará durante moito tempo e que esixiría un esforzo importante para revertela.

A saída da crise provocada pola pandemia do coronavirus pode facerse seguindo diferentes camiños, entre os cales deberemos escoller. Tal vez sería bo abrir as posibilidades e non quedarnos coa de apostar todo polo turismo de botellón.

A saída da crise, e a prevención das que podan vir, esixiría unha reflexión e un esforzo por chegar a consensos amplos,  nos que participen os partidos, os axentes sociais e nos que se teñan en conta as diferenzas nacionais e territoriais, en materias como o fortalecemento do sistema público sanitario, sendo conscientes dos novos riscos globais; o modelo económico do país, no que a reindustrialización, é imprescindible; o sistema educativo, no que se debe fortalecer a calidade en todos os niveis; o impulso á economía dixital e a administración electrónica, e a promoción dunha estratexia de longo alcance arredor da Ciencia. O Foro de Empresas Innovadoras resumía, no referente aos retos económicos que temos por diante, así: “a aposta industrial, a xeración de I+D útil para a sociedade e o impulso ao emprendemento innovador deben ocupar un lugar central na formulación e orientación dos Acordo de Reconstrución Social e Económica”. Non é nada novo, non é a primeira vez que o escoitamos, peticións similares están presentes en innumerables artigos de opinión, incluso en programas electorais e estratexias institucionais… Con pouco éxito. Tal vez debamos confiar en que esta vez faremos as cousas da maneira correcta.

Pero confiar non é doado. Un teme que pasado o día voltemos a esquecernos da santabarbara. Somos de memoria corta. Falar de pactos, de consensos amplos, por moi necesarios que sexan, é case imposible nun país no que o principal partido da oposición está abonado á política de derribar o goberno, mais que colaborar na procura de solucións. Vivimos momentos estraños. É verdade que o goberno debe aprender dos erros cometidos e repensar algunha das súas decisións, repensaría o sentido de ter un Ministerio de Universidades sen apenas competencias, por citar un exemplo moi relacionado co sistema de innovación. Pero neste momento os erros do goberno pesan menos que os erros da oposición. Estou convencido que, hoxe, a chave para chegar a consensos non é cambiar de goberno, senón cambiar de oposición. Vivimos momentos estraños.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recuros Humanos, a Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é vicexerente para o campus de Lugo, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.