A oposición pon en dúbida a información da Xunta sobre contaxiados e o seu estudo epidemiolóxico

Piden "transparencia" a Feijóo polo cambio de datos de contaxiados e as dúbidas sobre os test tras informar o presidente galego da "fiabilidade máxima" dos mesmos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2020 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

PSdeG, Galicia en Común e o BNG coincidiron hoxe en reclamarlle "transparencia" ao presidente da Xunta sobre os datos de contaxiados tras o cambio no sistema de reconto de contaxiados este martes --que deixou na metade o número de infectados-- e o estudo epidemiolóxico despois das advertencias de médicos sobre posibles erros nos test.

Un sanitario realiza un test da Covid19 a unha persoa no Meixoeiro © Miguel Nuñez
Un sanitario realiza un test da Covid19 a unha persoa no Meixoeiro © Miguel Nuñez

A este respecto, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou a Feijóo por "xogar con nebulosas informativas" e non contar todas as verdades sobre mortos en residencias. "O noso comité de expertos está facendo un seguimento destas cuestións e tamén lle pedimos a Feijóo que sexa trasparente e riguroso e que non utilice a información de xeito falaz", denunciou.

Así, lembrou que pediulle ao presidente galego a ficha técnica do estudo epidemolóxico "e aínda non a temos". "Os profesionais din que o número de negativos é inmenso e haberá que ver o que din os expertos e se a Xunta ten que rectificar", dixo ao lembrar que Feijóo "vive" criticando ao Goberno central.

GALICIA EN COMÚN

O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, volveu a insistir en que a Xunta "non está a exercer" as súas competencias en materia sanitaria nin en política social, como demostra,  que non realizara a intervención e medicalización das residencias de maiores.

Cuestionado sobre o estudo epidemiolóxico que realiza desde a semana pasada a Consellería de Sanidade, volveu a criticar que esta responsabilidade recaia nos equipos de atención primaria "despois de anos de recortes", á vez que manifestou as súas dúbidas acerca da eficacia deste estudo, sobre o que "diferentes colexios profesionais e asociacións do ámbito sanitario din que non ofrece as certezas necesarias".

BNG

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, alertou das informacións sobre o baixo nivel de positivos destas probas sumado  e reclamou a Feijóo que clarifique os datos sobre infectados, especialmente en residencias. "O que queremos é transparencia en relación a como se está facendo o estudo, o propio persoal médico dixo que ou ben non funcionaba ou estaba o nivel de contaxio moi baixo e requiriría medidas especiais", sinalou Pontón en relación á realización de probas.

Na última reunión, asegurou, preguntoulle o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre a fiabilidade do test e díxolle que "de máxima", pero "agora parece que hai dúbidas respecto diso dos mesmos e é necesario que haxa transparencia e información". Porque pola contra, dixo, "estamos a tirar diñeiro ao lixo e tamén a posibilidade de ter unha explicación real do que está a pasar".

Tamén pediu ao Goberno galego que sexa "coherente" coa información sobre o número de contaxiados. "É incoherente cando pide a outras informacións que aporten datos e logo a Xunta ande modificando a súa", dixo. "Non vale trampear datos e con isto non se pode xogar no medio dunha pandemia", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta