Os técnicos de emerxencias sanitarias denuncian o seu "baixo nivel de protección"

A Asociación Profesional de Técnicos en Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (Tesgalicia) din que os mandaron "á primeira liña" con equipos defectuosos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2020 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

A Asociación Profesional de Técnicos en Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (Tesgalicia) denuncia o "baixo nivel de protección" do persoal a pesar de traballar no actual contexto de pandemia e piden que se realicen test "adecuados, completos e fiables" entre os traballadores.

A través dun escrito dirixido a medios de comunicación, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e aos responsables do 061, este colectivo profesional quéixase de que "seguen sen recibir a chamada para realizar o test de COVID-19".

Tras asegurar que os mandaron á "primeira liña" do coronavirus "enganados" ou "con escasos ou defectuosos" equipos de protección individual (EPI), Tesgalicia critica que "o único" que recibiron desde a Administración "é unha carta con boas palabras pero sen ningunha acción ou recoñecemento que mostre verdadeiro respecto" ao sector.

"Observamos que as nosas queixas e reclamacións caen en saco roto: vemos caer a compañeiros/as; vemos como os demais compañeiros/as que estiveron en contacto directo son obrigados a seguir traballando; recibimos varios avisos de varias máscaras que son retiradas por deficientes, días despois de utilizalas con pacientes COVID-19; vemos que continúan entregando a contagotas os EPIs; vemos como en cada empresa se segue realizando protocolos diferentes, improvisando", enumeran no escrito.

Ademais, Tesgalicia pide que "se comece a regularizar" o seu sector "de igual maneira que no resto" de comunidades, porque os case 3.000 técnicos de emerxencias sanitarias de Galicia son "o verdadeiro alicerce fundamental da asistencia sanitaria extrahospitalaria". "Somos técnicos en emerxencias sanitarias. Non condutores nin axudantes. Somos persoal sanitario, por lei e con competencias profesionais reguladas e específicas", subliña o colectivo.

Por todo iso, solicitan "unha vez máis" tanto a Sanidade como ao 061 que se lles realicen "canto antes" o test "adecuados, completos e fiables" para coñecer a súa situación "real" con respecto á COVID-19. Para iso, insisten en que non queren unha proba rápida "que carece de fiabilidade e de datos suficientes", senón unha PCR que consista nunha "serología con sangue venosa, non capilar".

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo
Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta