Plan de estímulo económico en Verín para atraer 21 millóns de euros en investimentos

O goberno local vén de presentar un plan de xestión que contempla a chegada de empresas e investidores do sector alimentario, termal e de servizos. Fíxoo despois de aprobarse en sesión plenaria o orzamento para 2020, moi próximo aos 14 millóns de euros.

Por X.M. Fernández | Verín | 09/05/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O pleno municipal do Concello de Verín aprobou esta semana o orzamento para 2020 por importe de 13.963.237,05 euros e cuns investimentos directos de 3.420.713,14 euros, partida que triplica a cifra do ano anterior.

Sesión plenaria da corporación municipal de Verín. Foto: Prensa Concello de Verín
Sesión plenaria da corporación municipal de Verín. Foto: Prensa Concello de Verín

Ao remate do pleno, o grupo de goberno presentou o "Plan de Acción de Estímulos Económicos para Verín 2020-2021", proxecto que contempla a chegada á vila do Támega de 21 millóns de euros en investimentos e unha previsión de contratacións dunhas 150 persoas de forma directa.

Ademais da aprobación dos orzamentos tratáronse outros temas importantes como un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 1,5 millóns para sacar pagos pendentes a provedores e un plan de emprego cunha oferta pública de contratación que creará 45 empregos.

PLAN DE ACCIÓN DE ESTÍMULOS ECONÓMICOS VERÍN 2020-2021

Este ambicioso plan deseñado polo goberno local ten como obxectivo acadar unha importante inxección económica no tecido produtivo de Verín nun momento de vital importancia para superar a crise do coronavirus. Para poder executalo, a primeira medida será preparar unha modificación orzamentaria do documento recén aprobado para, segundo di o alcalde Gerardo Seoane, "adaptalo á nova realidade derivada da crise sanitaria e empezar a contemplar as novas medidas necesarias para a posta en marcha da reactivación económica".

Na execución do mesmo contémplanse investimentos municipais relacionados coa modernización urbana e mellora do entorno municipal, investimentos que se desenvolverán nun 90% por empresas locais, e a sinatura e desenvolvemento de xestións urbanísticas, investimentos de empresas privadas como Cabreiroá, Fontenova e Corazonia-Eroski e outras xestionadas a través da Fundación San Rosendo para a construción dunha moderna instalación dotacional en Caldeliñas. 

O Plan de Acción de Estímulos Económicos contempla tamén axudas para o pequeno comercio cun primeiro paquete de accións de emerxencia, por un valor duns 150.000 euros, que consistirán na supresión das taxas de lixo -por un trimestre ampliable a outro- de toldos e rótulos, de terrazas e tamén se contempla a condonación do 10% da taxa de Sogama para todos os veciños.

Pensando tamén na nova aposta das empresas polo teletraballo, como opción de presente de futuro, o plan incluirá a creación dun centro de Estudos a Distacia da UNED e unha aula de teleformación e teletraballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta