A Xunta pedirá entrar na fase 2 e a mobilidade para toda Galicia dentro de 15 días

O Goberno galego valora a implantación dunha app para rastrexar os contaxios e non descarta establecer centros comarcais de referencia para o tratamento da COVID-19.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2020 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

A Xunta pedirá ao Goberno central entrar na fase 2 da desescalada e permitir a mobilidade para todo o territorio galego dentro de 15 días, se a circulación do virus se mantén como ata agora.

Así o manifestou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, este sábado nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press. O titular deste departamento fixo estas declaracións a mañá seguinte a coñecer que o Goberno permitiu ás catro provincias galegas pasar á fase 1, que comeza este luns.

Durante esta semana o Executivo de Feijóo trasladou ao Ministerio de Sanidade unha petición para pasar a esta primeira fase, na que tamén pedían que se permitise a mobilidade da cidadanía dentro de todo o territorio galego, unha proposta que o comité de expertos rexeitou e limitou ao ámbito provincial.

Respecto diso, o conselleiro explicou que o "Goberno entende que debemos ir todos máis ou menos nunha mesma velocidade, respectámolo e imos traballar porq ue na seguinte fase" Galicia consiga esa "mobilidade en toda a Comunidade". Argumentou que "o freo ao movemento non debe ser tanto en función do territorio, como en función da incidencia" de virus e "as áreas sanitarias están nunha boa situación e bastante similar", polo que poderían "ter máis mobilidade".

En todo caso, Almuiña xa avanzou que desde o departamento que dirixe están "a traballar para entrar na fase 2". "Estamos a ampliar as posibilidades de diagnóstico, ampliando o protocolo de petición de PCR" para que sexa posible que "ante unha infección respiratoria augada o médico de atención primaria pode pedir xa a PCR".

O obxectivo disto é "diagnosticar e illar precozmente" para "facer imposible a transmisión da enfermidade" e que non circule entre a poboación galega. Pásase desta maneira "dun illamento xeneralizado" da cidadanía, a un "illamento filtrado" daquelas persoas sospeitosas de coronavirus.

RASTREXO DO VIRUS

Para seguir controlando a situación da pandemia, a Xunta propón varias vías relacionadas con sistemas de rastrexo, a través de profesionais que se dediquen a contactar con aquelas persoas sospeitosas de COVID-19 e os seus contactos e a través dunha aplicación móbil que aínda está en proxecto.

Os rastreadores traballarán desde a atención primaria e realizarán o seu labor como teleoperadores. O conselleiro precisou que "haberá unha plataforma para introducir todos" os datos referentes aos pacientes sospeitosos de COVID-19 e "poderaos meter o médico de atención primaria, o 061, os servizos de preventiva e os profesionais de alertas epidemilóxicas. Toda esta información vaise compartir no historial médico". Así conseguirase "un rexistro total de contaxios e contactos".

Respecto da app, a Xunta está a traballar nunha aplicación "que tamén vai contar con este tipo de funcións". O dilema que xorde agora, tanto a nivel galego, como nacional e europeo, radica en "definir ata onde chega a potestade da saúde pública para buscar enfermos e a privacidade dos datos" dos pacientes. "Entre iso movémonos para configurar unha app que non só permita o rastrexo de contactos", senón tamén "dar instrucións" para o illamento, pautas de seguimento e que o "confinamento se cumpra" á perfección.

REACTIVACIÓN DO SERGAS

Sobre o plan de reactivación da actividade no Sergas, o conselleiro apunta a "manter circuítos separados en áreas de atención hospitalaria e primaria, potenciar a consulta telefónica, o sistema de teleasistencia ou incrementar a cita presencial para o seguimento de pacientes fráxiles".

Os patróns que se seguirán na sanidade galega a partir de agora serán diferentes polos aspectos mencionados, pero tamén porque non se pode "pór en risco aos nosos profesionais". Por este motivo, Almuiña non descarta que se establezan centro comarcais de referencia para tratar o COVID-19 en determinadas zonas, xa que "hai centros de saúde pequenos que non poden ter dous circuítos, polo que nestes casos definirase como se procede á atención a nivel comarcal".

En canto á recuperación da actividade cirúrxica, retomarase "progresivamente". Aínda que a cirurxía de urxencia, oncolóxica e de transplantes nunca se paralizou, "agora estase reincorporando desde hai unha semana as cirurxías preferentes" que "teñen tempos limitados" para a súa realización "porque a repercusión para o paciente pode ser grave". Neste sentido, sinalou que o Sergas prevé "chegar a unha actividade regular" dentro "dun mes".

MENOS DO 2% DE CIRCULACIÓN

Por outra banda, Jesús Vázquez Almuiña tamén tivo tempo para falar de como evoluciona o sistema de detección de casos de coronavirus na Comunidade, así como os novos sistemas nos que se está traballando a nivel sanitario para tratar aos pacientes ou as probas diagnósticas.

Precisou que en Galica "realizáronse desde o inicio da pandemia sobre 200.000 probas" entre PCR e test rápidos. Todos os usuarios de residencias de maiores foron testados e o mesmo sucederá cos profesionais que traballan no Sergas. Non descarta que co paso das semanas se fagan "revisións" a certos colectivos, para ver como evoluciona o virus entre eles.

Ademais, apunta a que en Galicia hai sobre 200 concellos nos que durante os últimos "3, 7 ou 14 días" non se detectaron novos contaxios, algo que considera un bo indicador. Seguidamente, destacou que o estudo epidemiolóxico do Sergas terminou a súa primeira quenda de probas e que agora se someterán ás análises estatísticas para concluír resultados.

En todo caso, sinala que está "claro" que o virus "circulou moi pouco por Galicia". Podería ter "menos do 2%" de circulación en toda a Comunidade, pero "as cifras concretas coñeceranse durante os próximos días". A segunda fase do estudo epidemiolóxico "iniciarase en tres ou catro semanas".

Á vez que se analizan estes primeiros resultados, na área de Vigo tratarase a un paciente con COVID-19 co plasma dunha persoa curada. Sobre este asunto, o conselleiro explicou que este método "abre un campo moi importante, porque o organismo que supera esta enfermidade crea un número importante de anticorpos. Se conseguimos transmitilos a través da transfusión de plasma, podemos darlle inmunidade á persoa enferma. Pode ser unha fórmula moi boa para tratar de diminuír a mortalidade da enfermidade", destacou.

SENTIDO COMÚN

Agora é o momento de afrontar a entrada na fase 1 desde Galicia, un proceso no que o Goberno galego poderá realizar "matices" sobre as franxas horarias que deben cumprir os cidadáns. Respecto diso, Almuiña destacou que "Galicia vai tratar de flexibilizar estes aspectos, dentro das posibilidades que deixe o Goberno".

Apunta a "tratar de matizar para mellorar a mobilidade da poboación, que xa estivo illada durante moito tempo, para que a xente maior poida pasear e ter algunha actividade física para salvagardar as súas condicións de vida". En todo caso, "o fundamental é ter os conceptos na cabeza: hai que evitar aglomeracións, manter os dous metros de seguridade e aplicar o sentido común".

Fotos Xunta Sanidade Rolda. Xunta de Galicia - Arquivo
Fotos Xunta Sanidade Rolda. Xunta de Galicia - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

Basta de coronaconto!!!. Os suecos están a facer vida normal (apostaron pola "inmunidade de rebaño") e non lles pasa nada nin arruinaron a sua economia. O estado de alarma non esta xustificado e tampouco permite restrinxir todalas liberdades da cidadania como están a facer. Non somos ganado, somos seres humans con libre albedrio. Nas próximas eleccions veremos una abstención histórica pq queremos una democracia (que non partidocracia) con separación de poderes e que permita escoller e controlar aos nosos representantes para que traballen para nos.