A bañarse, a bañarse!

Non sei ben como son os domingos para os nenos de hoxe, e como os recordarán dentro duns anos. Non sei como eran os domingos da hoxe presidenta da Comunidade de Madrid. Os meus, na década dos 70, estaban organizados arredor de dúas actividades fundamentais. Pola mañán misa ás 11 e catequeses e polas tardes cine: cine e churros. Coa miña nai e as miñas irmáns.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 13/05/2020

Comparte esta noticia

Das moitas películas que vin, nun mundo onde a televisión aínda era unha rareza, lémbrome sobre todo das do Zorro, protagonista dunhas fazañas moito mais doadas de imitar que as dos súper heroes de Marvel que logo o substituíron… apenas unha vara fina de ameneiro e un anteface e xa tiñas o traxe case completo, un disfraz ao alcance de calquera. Algúns domingos cambiaba un chisco a rutina: un dos meus tíos nos levaba á Pobra, á sesión matinal do Cine Elma. Eses días non había churros, pero si había fanta mentres, despois da película, tomaba o vermú con algún amigo antes de ir a xantar…  A fanta, que eu pedía sempre de limón, no canto dos churros tamén era moi bo plan.

Imaxe de recurso da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.. COMUNIDADE DE MADRID
Imaxe de recurso da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.. COMUNIDADE DE MADRID

Dos cines de Ribeira apenas me lembro do cine do Filipino, o decano dos tres que chegou a haber en Ribeira, ademais do de Palmeira, o de Carreira, o de Corrubedo, case un por parroquia. O Filipino fora o primeiro en abrir, en 1910 e o primeiro en pechar. Quedaron logo o cine de Moraña e o mais novo, o Rosalía de Castro, que agora xa so permanecen na memoria dos que xa hai tempo que superaron os cuarenta.

O cine de Moraña queimouse un domingo, e xa so quedou o Rosalía. Teño os recordos algo borrados xa, pero creo lembrar que nun momento dado reformaron o cine, e comezaron a programar as películas de éxito do momento. Os 70 foron época de fartura de películas de catástrofes, taquillazos populares, por exemplo “A aventura do Poseidón”, de 1972, que tivera un par de Oscar, ou “O coloso en chamas”, en 1974, que sumou tres oscares e na que traballaban Steve McQueen e Paul Newman. Pero a película para a que me lembro houbera colas moi longas para facerse con entradas fora “Tiburón”, de Steven Spielberg, que en 1975 rompeu records, recadando mais de 470 millóns de euros. En Ribeira xa vos facedes á idea, aquelo dos tiburóns tocábanos moito mais perto que o dos rañaceos, ainda que daquela xa tíñamos, e temos, a nosa particular mole local.

Estes días pensei naquela película. O xornalista irlandés Fintan O´Toole, colaborador habitual do Irish Times, recolle en “Un fracaso heroico. El brexit y la política del dolor”, Capitan Swing, 2019, unha anécdota sobre Boris Johnson. Conta o xornalista que Johnson dicía (e agora, vendo a súa errática xestión da crise provocada polo coronavirus temos razóns para estar convencidos que non era unha boutade) que o seu heroe preferido era o alcalde de Amity Island, que a sabendo de que había un xigantesco tiburón branco poñendo en perigo a vida dos bañistas, en plena temporada na cidade de vacacións que gobernaba, non tomaba ningún tipo de medida (a máis obvia o peche das praias), pasando por alto todos os consellos e indicacións tanto de expertos como do seu propio shériff. O alcalde convidaba á xente a bañarse, e aceptaba que tal vez algún neno fora devorado polo tiburón, pero… como se ía tomar a medida de pechar a praia e botar a perder a temporada turística. O risco que supoñía o escualo debía ser asumido. Na película, as dúas opcións, primar a seguridade da cidadanía ou primar uns supostos intereses económicos están representados por un lado polo xefe da policía Martín Brody e polo outro o alcalde Larry Vauhn, os actores Roy Sheider e Murray Hamilton respectivamente. Paga a pena rever a parte da película da discusión entre un en outro.

Non é difícil, saltando dende mediados dos anos 70 á actualidade, acertar co papel que Isabel Díaz Ayuso, a presidenta da Comunidade de Madrid, interpretaría de forma bárbara en Tiburón. Seguro que lle terían dado un Oscar. Diaz Ayuso empurrando aos bañistas a meterse na auga a pesares de que xa se ve emerxer a aleta.

Era evidente, hai uns días, que a situación da Comunidade de Madrid non era a adecuada para pasar o día 11 de maio á fase 1. Era evidente para a máxima responsable política da área de Saúde Pública da comunidade madrileña, Yolanda Fuentes, formada en Medicina Preventiva e con unha longa traxectoria profesional, que dimitiu antes de ser cómplice dunha solicitude temeraria.

Díaz Ayuso a perfecta alcaldesa da cidade de ficción da película de Spielberg. Díaz Ayuso antepón supostos intereses económicos á seguridade e saúde das persoas. Luis Garicano, economista e portavoz de Ciudadanos no Parlamento Europeo, a quen non podemos cualificar de revolucionario ou antisistema, zanxa a discusión nunha entrevista recente cun argumento breve e incontestable. O xornalista pregúntalle: “Hai que acelerar a desescalada para evitar o perxuizo económico, aínda que iso puidera supoñer algún risco para a saúde?. Garicano responde: “Primeiro as vidas, logo os empregos. É a idea que estamos seguindo todos os países. Ao remate, si cedes as vidas polo emprego, non terás nin emprego nin vidas”. O pretendido interese na economía madrileña pode ser real, pero sobre todo a petición da presidenta madrileña busca o encontronazo co goberno do Estado. Ao final rodeada de asesores como Miguel Angel Rodríguez non se pode agardar outra cousa, xa ten interiorizado que o importante é montar lío, xa sabe que o fundamental non é buscar solucións, senon buscar un culpable. Sobre todo para tapar os erros propios.

Todas as crisis teñen algo en común. Da igual do tipo que sexan… unha guerra, unha catástrofe natural… sacan a relucir o mellor e o peor das persoas, o mellor e o peor da sociedade. A valentía e a covardía, os rasgos mais humanos e os mais indignos, aquelo que nos fai sentir orgullosos de ser seres humanos e aquelo que nos fai dubidar da Humanidade. Xestos enormes, mostras de solidariedade que recordaremos toda a vida e xestos pequenos, pero que nos fan sentir felices por un momento, que nos fan sentir comunidade.

Esta crise non é distinta. Nos partidos políticos esta crise ten sacado o mellor e o peor. Dun lado os que teñen anteposto a cidadanía aos seus intereses partidarios, os que teñen tomado decisións aínda sabendo que eran duras, os que teñen arrimado o ombro a unha causa común. Do outro aqueles que dende o primeiro momento quixeron aproveitar a crise para socavar ao goberno do Estado, mesmo para socavar a democracia, sen importar os medios, un lugar no que se atopan remexidos fundamentalistas de todo tipo, os de Vox e os da CUP, que tanto teñen en común, un lugar ao que foron chegando outros  cando os seus cálculos partidarios así llo indicaron.

Diaz Ayuso sabemos onde está, exercendo de exploradora de Pablo Casado, tanteando o terreo… tentando non perder pé porque a aposta é arriscada, moi arriscada. A sociedade as mais das veces non perdoa que se xogue con ela. Debería sábelo o Oráculo de FAES, debería ter aprendido logo do 11M cando de forma burda intentou enganar á cidadanía e contribueu a perder un goberno.

Diaz Ayuso empurrando á xente á auga, animando a berros dende a súa suite de luxo, mentres alimenta aos nenos de familias pobres con comida lixo… que farían os madrileños para merecer unha presidenta así?. Serán capaces os partidos políticos madrileños de antepoñer os intereses da cidadanía a outros intereses e pactar un goberno que salve a Madrid de Díaz Ayuso?, que salve a democracia de post-verdades, realidades alternativas, paranoias ou o mundo delirante das fake news...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.