Os profesionais técnicos, sen acceso ás axudas de Cultura: "No sector somos a última merda"

'Backliners', técnicos de son, iluminadores, 'road managers'... son todas esas persoas que traballan detrás de cada concerto. "Colgando do fío dos aforros", esixen que se lles teña en conta de cara ao futuro incerto que lles espera: "Sen nós non hai espectáculos".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Sen técnicos e técnicas, non hai cultura!". Esta é a reivindicación que se está facendo oco entre os profesionais técnicos do sector cultural, un conxunto importantísimo de especialistas –backliners, maquinistas, eléctricos, sonidistas, iluminadores, roadies...– sen os cales calquera espectáculo ou calquera concerto quedaría, literalmente, en nada. Trátase de todos eses especialistas que rodean un artista e que fan posible que este poida subir a un escenario amparado por un bo son, unha boa iluminación e un bo control técnico. Igual ca o resto do sector cultural, eles tamén foron dos primeiros en baixar o telón e auguran que serán dos últimos en volver retomar a actividade.

O equipo de Miguel Iglesias, técnico de son, perante un escenario
O equipo de Miguel Iglesias, técnico de son, perante un escenario | Fonte: Facebook Dual S.T.

Pero ademais, o sentir destes profesionais camiña, máis se cabe, entre a indefensión e a incomprensión logo de coñecer que as medidas do Goberno español para paliar os efectos económicos deste gran parón non teñen en conta esta parte do sector, de maneira que quedan desamparados por parte das administracións. O "golpe" desta crise doe aínda con máis intensidade tendo en conta os "problemas estruturais" que estes profesionais dentro da industria cultural xa viñan padecendo dende hai moito tempo. Instalados na invisibilidade e na inestabilidade, reclaman agora "axudas directas" para afrontar o futuro.

FÓRA DAS AXUDAS DE CULTURA

"Cando tensas unha cadea sempre rompe polo seu elo máis débil", explica Xabi Carnota, ténico e presidente de Tesgal - Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo -, unha plataforma que naceu precisamente para "dignificar" a profesión e que pretende "traballar arreo para desterrar a imaxe do técnico ou técnica comendo o “bocata” no seu posto de traballo ou a famosa frase “1/2 xornada: 12 horas” que tantas veces se escoita en conversas entre compañeiros", preséntanse na súa web.

Dentro do sector dos profesionais técnicos, unha parte deles son traballadores por conta allea - cun contrato indefinido en empresas -. Neste caso puideron acollerse a ERTEs. Outra boa parte emprégase por conta propia - autónomos -, os cales puideron solicitar as axudas de cese de actividade e as axudas ao pago das cotas. E outra boa parte son traballadores por conta allea contratados de forma intermitente, que se atopan agora sen ningún tipo de amparo económico. "O que acontece é que non se están tendo en conta as nosas peculiaridades. O Ministerio de Cultura e Deporte recoñeceu que os artistas van paceder unha gran crise e elaborou un plan para subsidialo, pero para todos nós, que damos soporte a estas industrias, non se programaron axudas. Dispoñemos das mesmas que a hostalaría, que xa abriu", relata Carnota.

Ante a busca de explicacións, Carnota cre que dende a administración "non entenden como funciona o sector cultural do espectáculo". Miguel Iglesias, técnico de son e iluminación (Dual S.T.) pensa que esta falta de apoio responde a unha "estratexia", dado que ao Goberno lle beneficia máis "ter satisfeitos aos músicos e promotoras, cabezas visibles do sector cultural" que a profesionais que se manteñen na invisibilidade. Tamén por este camiño van os razoamentos de Fernando Moure (Pali), outro técnico de son ademais de músico no grupo infantil 'Uxía lambona e a banda molona': "Os que teñen máis poder de cara á opinión pública son os artistas e nós no sector somos a última merda; estamos acostumados a un maltrato no desenvolvemento do noso traballo. Agora non ía cambiar, pero é certo cando dicimos que sen nós non hai espectáculos".

"COLGAR DO FÍO DOS AFORROS"

Máis de 30.000 empregos dependen en Galicia da industria cultural. Nesa cifra van contabilizados tamén todos estes profesionais técnicos que agora "colgan do fío dos aforros". Fernando Moure leva traballando dentro no sector uns vinte anos e pertence a ese terceiro grupo de especialistas freelance por conta allea, os máis afectados. Mentres agarda pola axuda económica a raíz da súa outra faceta de músico, calcula que "catro meses" sería o máximo que podería resistir economicamente, "e chegando a un cero que produce unha vertixe terrible". "Quedar sen nada cando levas traballando tanto tempo dá impresión", fala. 

Lonxe queda xa aquela última temporada na que sumou 73 concertos entre os que tocou e os que fixo de técnico. Conta que agora xa "escollía os eventos" para que o traballo fose máis "saudable", xa que os horarios aos que están expostos son "inhumanos", con "xornadas de ata 25 horas". A piques de comezar un verán deserto de emprego, Moure pide "axudas directas" dado que a meirande parte dos eventos que estaban programados non serán "rendibles" polas limitacións de aforo esixidas. E bota en falta, tamén, unha resposta de solidariedade unánime por parte do resto do sector cultural cara a estes profesionais. "Saíron en redes un par de vídeos de artistas, pero non houbo unha resposta dende a plataforma plantándose diante do Goberno e dicindo: 'Non aceptamos estas axudas porque non nos inclúen a todos'. Creo que é por onde debería irse".

"BUSCAMOS CONDICIÓNS DIGNAS"

No caso de Miguel Iglesias, estoutro profesional do sector puido acollerse ás axudas xerais que o Goberno impulsou para os autónomos, e que, polo de agora, se manteñen ligadas ao Estado de alarma e deixarán de ter efecto en canto este se levante. Miguel traballa en Dual S.T. na reparación e aluguer de equipos de son e iluminación profesionais, e tamén como técnico de son e como músico en ITH. Destes seus tres eixes, o que lle dá de comer é o traballo como técnico e reparador. Con isto quere dicir que, se ben quedaron fóra das axudas, "nós dependemos máis da nosa profesión como técnicos ca os artistas, dos que un gran sector é amateur". "O número de técnicos é superior ao número de músicos que comen desta profesión", resume. 

Perante esta situación, di que o futuro queda no aire, xa que é consciente de que o taller sen músicos e sen concertos "tampouco funcionará". A estas alturas non hai "marxe de manobra" para que as propostas culturais programadas poidan readaptarse á situación nas datas previstas polos condicionamentos esixidos, pero asegura que "cun pouco de esforzo" os eventos deberían poder aprazarse no canto de cancelarse. "Moitos concellos e deputacións como a da Coruña tomaron conciencia disto", recoñece.

Máis alá dun "respaldo económico" que se desligue do Estado de alarma e que se manteña "ata que sexa posible traballar totalmente", Miguel suscribe tamén a reivindicación de acelerar os pagos da administración. "Que por lei, sexan immediatos e non haxa que esperar 90 días", desexa. 

A VOLTA PASA POR PEQUENAS ACCIÓNS

A incerteza marca a reincorporación ao traballo de todo o sector. "O noso negocio baséase en xuntar moita xente nos espazos", fala Xabi Carnota, e polo de agora, as aglomeracións non se contemplan como opción. Segundo a asociación sindical, a saída pasa, xa que logo, por "evitar grandes eventos" e apostar por "moi pequenas accións" para que todos poidan traballar. "En vez de facer un gran concerto, aínda que fose posible, cumpriría centrar os esforzos en facer mil pequenos eventos por toda Galicia, para que cada bisbarra poida ter unha proposta e para que os traballadores de cada bisbarra poidan empregarse". O futuro está, daquela, na "economía micro", nese "teatro en cada vila", engade Carnota.

Os profesionais técnicos "queren ter esperanza", pero o certo é que as expectativas son bastante "crúas". Con todo, unha cousa teñen clara entre este mar de incertezas que asolaga o mundo: "Pedimos ir preparándonos para que no momento no que poidamos levantar a persiana saibamos exactamente como facelo, sen dúbidas ningunhas. Precisamos máis apoio ca nunca", remata Xabi Carnota. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta