Radiografía dos museos galegos: buscando o lugar no medio da crise

Os lugares que velan polo noso patrimonio, xa abertos ou a piques de facelo, agardan expectantes o regreso das visitas, asumen o reto de achegar a arte á rúa e deciden fortalecer o seu plano virtual para sortear a crise.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os museos prepáranse, a diferentes ritmos e dende diferentes puntos de partida, para o regreso á actividade presencial e a apertura das súas portas ao público. Activos importantes dentro do sector cultural que contribúen ao investimento económico e ao emprego, estes lugares onde se conserva e difunde o noso patrimonio caracterízanse fundamentalmente por seren centros de encontro e de socialización. Resúmeo Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, en que "un museo sen público non existe".

Unha exposición no Museo Gaiás da Cidade da Cultura. XUNTA - Arquivo
Unha exposición no Museo Gaiás da Cidade da Cultura. XUNTA - Arquivo

O seu futuro, xa que logo, pasa por adaptarse ás condicións sanitarias pero tamén por camiñar vías alternativas, por asumir retos que levaban tempo agardando no caixón e por reforzar a relación entre os museos e a rúa. Durante estes dous meses de parón, as liñas de traballo dirixíronse cara ao mundo virtual. Proba disto é o aumento de interaccións nas redes sociais dos Museos Científicos da Coruña, que triplicaron o fluxo de visitantes a través de lecturas, actividades, experimentos e vídeos nas súas redes. Con todo, os museos teñen claro que a virtualidade non pode substituír a experiencia da arte en directo. Por iso mesmo, e coa lección sobre a importancia da presenza nas redes aprendida, agora os esforzos póñense en volver recuperar o público nos museos. 

Un público tamén terá que adaptarse ás novas condicións hixiénicas: portas automáticas, xel en cada esquina, conversas amparadas por biombos, máscaras e guantes... O "Non Tocar" trátase agora dunha cuestión de saúde. Aquí vai unha andaina polos principais museos de Galicia para coñecer os retos e as alternativas do futuro próximo.

O REGRESO

Logo dun Día Internacional dos Museos que tamén tivo que celebrarse de xeito virtual, este martes, 19 de maio, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), xestionado pola Xunta de Galicia, reabriu para o público por primeira vez desde que estalou a pandemia. Fíxoo, explica o seu director, Santiago Olmo, cunha limitación do aforo do 30%, con percorridos dirixidos polo persoal do museo, sen actividades presenciais, con limitacións do uso da biblioteca a catro prazas, biombos, puntos de desinfección... 

Ao seu carón, o Museo do Pobo Galego, de titularidade privada, mantense pechado ao público e coa meirande parte do cadro de persoal en situación de ERTE. De aquí en diante, segundo indica o seu director, Manuel Vilar, os traballadores iranse incorporando progresivamente para abrir as portas do museo, previsiblemente, o 2 de xullo. Tamén agardan pola apertura os Museos Científicos Coruñeses (A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae), que teñen permitido o regreso a partir da fase 2 (que, en principio, comezará o 25 de maio). Neste caso, o reto é, se cabe, aínda maior, xa que a interacción cos elementos son un eixo vertebrador desta experiencia; tanto que a Casa das Ciencias mesmo levaba por bandeira o lema "Prohibido non tocar". Marcos Pérez, o xerente dos tres museos, aposta por "aprender a tocar doutro xeito e a convivir coa Covid nun museo".

Readaptarse á nova realidade será complicado. No Marco (Museo de Arte Conteporáneo) de Vigo traballan coa "máxima cautela" para volver acoller xente a partir do 2 de xuño. "O desafío está en conseguir vencer o receo do público", fala Miguel Fernández-Cid como director. "Os museos deran co perfil de grandes exposicións, pero no inmediato son inviables. Cómpre optar por microactividades que vaian atraendo públicos diferentes, e nalgunhas ocasións, moi concretos", engade. 

AS ALTERNATIVAS

O futuro pasa, xa que logo, por multiplicar pequenos actos ao longo do tempo. Os museos teñen que "seguir tendo sentido": "A dixitalización - o plano virtual - non pode substituír a realidade en directo; é a non distancia a que permite o coñecemento", relata o director do CGAC. Neste sentido concordan todos os directores, aínda que tamén son conscientes - quizais máis a partir desta crise - da necesidade de reforzar a presenza dos museos nas redes sociais, un eixo fundamental nese camiño por achegar os espazos de cultura á rúa.

Marcado pola incerteza e a inestabilidade, e esperando pola "normalidade normal", o Museo do Pobo Galego augura que as súas actividades terán que "reducirse e reformularse". "As cousas van cambiar e os cambios non sempre son positivos. Temos moito público escolar que xa non poderá vir, necesitamos repensar as relacións", indica Vilar.

No caso dos Museos Científicos Coruñeses, Pérez agarda un "reencontro co público local" que sempre "foi moi importante" para estes espazos. "Expectantes" pola chegada da fase 2, traballan xa nun sistema de reserva de citas para evitar que se formen colas e aglomeracións. Ademais, se ben as ferramentas dixitais mantiveron o contacto da cidadanía cos museos durante estes meses, o director fai agora un chamamento ás visitas presenciais, "cos cinco sentidos". "Cumprimos un papel fondamente social, esa interacción cos outros é dunha riqueza irreproducible en medios virtuais".

MENOS ORZAMENTO

A situación económica afecta de maneira moi intensa o sector da cultura, que sempre manifesta ser dos grandes esquecidos durante as crises. Concretamente os museos saben que os orzamentos "se reducirán" no futuro próximo, di o CGAC. O Museo do Pobo Galego, que depende directamente das visitas e dos seus socios, encara o futuro con "medo" e "inestabilidade". "Temos que facer que o público saiba que o museo segue aquí. Esperamos que a resposta sexa positiva, que nos visiten, que falen de nós...", desexa o seu director.

Coma sempre pero tamén máis ca nunca, cómpre "loitar porque a cultura sexa considerada un ben esencial", defende Santiago Olmo, que considera que nos últimos anos caeu nun "descrédito" e nunha "politización absurda e inaceptable". "A clase política e empresarial non ten unha reponsabilidade e un compromiso coa cultura coma noutros países", engade. Sendo a "María" dese coñecido binomio Cultura e Deporte, Cultura e Turismo ou Cultura e Educación, "non está suficientemente atendida" e mantense "ausente" nos debates políticos.

Segundo o director do CGAC, só cando a cultura sexa "cuestión de estado", a sociedade acadará o seu "modelo de excelencia". E só nese modelo, os museos poderán cumprir plenamente coas funcións que lle son outorgadas: a social, a educativa e a de comprender a realidade desde puntos de vista críticos e enriquecedores para "crear unha cidadanía esixente e consciente". "Os museos teñen que ser espazos de reflexión e cohesión, e non só lugares de mero disfrute", reforza a idea o director do Marco de Vigo, que tamén asegura que durante este tempo foron "tomando apuntes" para asumir novos retos que se unen aos que xa tiñan: "Temos que sacar a arte fóra, á rúa, e temos que facer que o museo se integre no entorno".

REAPERTURA POLÉMICA DOS MUSEOS DA XUNTA

Máis alá da actividade e desafíos futuros, a reapertura dos museos, arquivos e bibliotecas da Xunta de Galicia - que se produciu este luns, 18 de maio - viuse envolta en críticas debido á "falta de garantías sanitarias" para que a incorporación do persoal se realizase con seguridade, censuran os sindicatos galegos - CIG, CC OO, CSIF e UGT -, que interpuxeron unha denuncia ante Inspección de Traballo para solicitar a "paralización" da actividade e mandar o persoal de volta para a casa.

Emilio Doforno, coordinador do sector da Administración autonómica de CCOO, informa de que a Xunta deu indicacións para que todo o persoal estivera este luns no seu posto de traballo, sen a reincorporación escalonada acordada nin medidas de seguridade e protocolos previstos. "Pediremos responsabilidades porque se está poñendo en risco o persoal e porque incumpriron incluso os seus propios protocolos, polo que ata podería haber algunha cuestión de 'prevaricación pasiva'", sentenza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta