Defensa da Sanidade Pública acusa a Feijóo de antepor os seus intereses electorais á saúde da poboación

Esixe o adiamento electoral e que a nova convocatoria teña o respaldo de todas as forzas políticas

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/05/2020 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de antepor os seus intereses electorais á saúde da poboación coa convocatoria das eleccións para o próximo 12 de xullo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta.

Asegura que "resulta preocupante" unha convocatoria electoral "nun momento de gran incerteza sanitaria e social", cando aínda non foi levantado o estado emerxencia sanitaria e de alarma no estado e "segue habendo novos contaxios e falecidos".

"É máis que sospeitoso que esta convocatoria se realice nunha semana na que as autoridades deben decidir se Galicia pasa á fase dúas da pandemia e que coincida, curiosamente, cun derrube repentino dos casos activos na comunidade, tanto no de positivos por PRC como no acumulado de hospitalizados (331 casos)", sinala.

Para a asociación, abrir unha campaña electoral, "cos lóxicos enfrontamentos políticos", supón debilitar o esforzo unitario que deberían realizar todas as forzas políticas, axentes sociais e poboación para recuperar o país dunha crise sen precedentes.

En Defensa da Sanidade Pública considera que a convocatoria dun proceso electoral incrementará o risco de novos contaxios e sostén que "non é aceptable" unhas eleccións sen unha campaña que permita celebrar múltiples reunións, debates, mitins e actos sociais sen pór en risco a saúde das persoas.

A entidade sinala que a ausencia de actos electorais supón unha vantaxe para o actual Goberno e para Feijóo, que tería "vía libre" para acaparar a atención nos medios de comunicación.

Por todo iso, esixe o adiamento electoral e o inicio dun esforzo unitario de reconstrución económica e sanitaria que implique a toda a sociedade galega e que a nova convocatoria teña o respaldo de todas as forzas políticas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta