Morre un home de 73 anos en Poio tras picarlle unha avespa velutina

A súa muller tamén sufriu picaduras, pero está fóra de perigo.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 24/05/2020 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

Un home de 73 anos de idade faleceu na mañá deste domingo no municipio pontevedrés de Poio, tras recibir a picadura dunha avespa velutina.

Vespa velutina
Vespa velutina | Fonte: Xesús Feás - LX

Todo ocorreu ao redor das 10,00 da mañá. O 112 Galicia tivo constancia do suceso tras recibir o aviso de que os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias mobilizaran un helicóptero medicalizado ata o lugar, situado na parroquia de Raxó.

De inmediato, a central de emerxencia deu conta dos feitos aos membros do GES de Sanxenxo, á Garda Civil, á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil de Poio.

Segundo fontes dos corpos de seguridade do municipio, o home acudira pola mañá xunto á súa muller a unha leira próxima á súa vivenda, situada en rúa da  Serpe. Foi alí onde ambos recibiron as picaduras das avespas velutinas.

O home, de 73 anos de idade, faleceu no lugar a pesar de que o equipo médico, desprazado nun helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, practicou manobras de reanimación durante 45 minutos.

Pola súa banda, a muller do falecido non corre perigo para a saúde, afirman as mesmas fontes.

Este suceso ten lugar despois de que o pasado domingo 10 de maio outro home de 54 anos morrese en Santiago, tamén tras sufrir a picadura dunha avespa velutina na contorna da súa vivenda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta