Secas repentinas, máis frecuentes en Galicia que no centro e sur de España

O primeiro estudo en España sobre as coñecidas como “flash droughts” destaca que o noroeste e norte son as zonas que sufriron con máis frecuencia este tipo de eventos nas últimas seis décadas.

Por Alberto Quian | Madrid | 28/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Parece un paradoxo, pero non o é: o norte e noroeste son as rexións máis golpeadas polas secas repentinas en España. “Non é algo que nos sorprenda”, adianta Iván Noguera, investigador do Instituto Pirenaico de Ecología (IPE/CSIC) e autor dun traballo de investigación que achega por primeira vez datos sobre este tipo de fenómenos en España.

Seca no encoro de Portomarín (Lugo).
Seca no encoro de Portomarín (Lugo).

Noguera, investigador principal do estudo, acaba de publicar os resultados en Annals of  the New York Academy of Sciences –unha das revistas científicas máis antigas publicadas en Estados Unidos–, xunto con Sergio M. Vicente Serrano (IPE/CSIC) e Fernando Domínguez Castro (Departamento de Xeografía da Universidad de Zaragoza y Fundación ARAID - Agencia Aragonesa para la Investigación y el Desarrollo).

Os científicos presentan unha análise detallada do comportamento espacial e temporal das secas repentinas no período 1961-2018 na España continental e as Illas Baleares (non inclúe Illas Canarias, Ceuta e Melilla).

“Durante este período de 58 anos, o comportamento espacial e temporal das secas repentinas presenta unha gran variabilidade. Os resultados obtidos mostran unha maior frecuencia das secas repentinas no norte e noroeste, en comparación con outras rexións do centro e sur de España.”, destacan os científicos

"Aproximadamente o 40% do conxunto das secas (considerando un período de retorno de 10 anos) desenvólvese de maneira rápida"

Para caracterizar estes eventos, realizaron unha análise a nivel rexional, dividindo o territorio estatal en seis zonas: Noroeste, Norte, Nordés, Meseta Central, Sur e Sueste. A zona noroeste compóñena Galicia e o extremo noroccidental da provincia de Zamora. Os datos e mapas presentados neste traballo mostran que Galicia é unha das zonas máis afectadas polas secas repentinas.

“O noroeste de España é unha das rexións cunha maior ocorrencia das secas repentinas no período analizado. Estas zonas tamén mostran porcentaxes altas, en comparación con outras zonas de España, de secas repentinas en relación con todos os eventos de seca, especialmente no verán”, detalla Noguera en conversa para este medio.

FENÓMENOS FRECUENTES

Os datos evidencian que “a seca repentina é un fenómeno frecuente en España”. De feito, explica Noguera, “aproximadamente o 40% do conxunto das secas (considerando un período de retorno de 10 anos) desenvólvese de maneira rápida”. E foron máis frecuentes no noroeste e norte.

“No norte e o noroeste de España identificouse o maior número de secas repentinas, con algunhas áreas que mesmo superaron os 60 eventos en todo o período de estudo, mentres que as zonas do centro e sur de España rexistraron un menos número de eventos”, especifican os autores do estudo.

A frecuencia total de secas repentinas no período analizado foi notablemente maior no noroeste e norte, con medias de aproximadamente 54 e 49 eventos, respectivamente, mentres que no nordés, zona central, sur e sueste foi menor, con medias de aproximadamente 40 eventos.

Observáronse tamén diferenzas a escala estacional: no outono, a maior frecuencia de eventos de secas repentinas identificouse no noroeste e norte, onde se constatou ademais unha maior frecuencia de secas repentinas no inverno e, en menor medida, na primavera, en comparación co centro e sur. No verán, a maior frecuencia deste tipo de secas identificouse na zona noroeste, cunha media aproximadamente de 16 eventos en todo o período de estudo.

En conxunto, observouse un alto número de secas e secas repentinas no norte e noroeste, “pero os eventos de seca repentina comprenderon unha porcentaxe moi alta (máis do 40%) en relación co total de todas as secas rexistradas nesta rexión”, detallan os científicos.

EXPLICACIÓN AO PARADOXO

Pero como se explica isto que, a priori, parece un paradoxo?

“Aínda que poida chamar a atención a maior ocorrencia das secas repentinas nestas zonas, non é algo que nos sorprenda. Patróns espaciais similares foron identificados noutros estudos sobre secas que se realizaron en España. Nestas zonas húmidas, son frecuentes os períodos caracterizados por niveis de precipitación por baixo da media, o que podería explicar a maior ocorrencia das secas repentinas nestas zonas”, comenta  Noguera.

Ademais, considera que “é importante entender que a seca é unha anomalía conxuntural e debe diferenciarse da aridez, que é unha situación estrutural natural dada polas propias características climáticas dunha rexión”. 

O noroeste caracterízase por unha maior frecuencia de secas repentinas, pero “cun leve descenso no número destes eventos, excepto no verán”

GRAN VARIABILIDADE

Noguera explica que a seca repentina é “un fenómeno complexo” que presenta “unha gran variabilidade temporal e espacial” en España.

Esta variabilidade está relacionada coa "propia variabilidade climática de España e a influencia de diferentes mecanismos de circulación atmosférica, o que dá lugar a un comportamento espazo-temporal das secas repentinas complexo e moi variable”, esclarece o investigador.

No conxunto de España, os científicos non observaron tendencias significativas no período 1961-2018, “aínda que si se identificaron incrementos significativos das secas repentinas nalgunhas zonas do sueste de España e a costa mediterránea”, ao contrario que no noroeste, onde se observou “unha tendencia negativa y significativa na frecuencia das secas repentinas”, comenta Noguera.

Así, temos a zona noroeste caracterizada por unha maior frecuencia de secas repentinas, pero “cun leve descenso no número destes eventos, agás no verán”, achega Noguera.

Sucede o contrario no centro e sur de España, onde a frecuencia foi menor e, con todo, “en xeral houbo un maior aumento das secas repentinas”.

“Nas zonas do interior e sur de España, onde xeralmente en todas as estacións se dan períodos con escasas precipitacións, é probable que outros factores (por exemplo, temperaturas extremas vinculadas a ondas de calor) xoguen un papel moi importante na ocorrencia das secas repentinas”, aclara o investigador.

En resumo, o estudo evidencia que mentres no noroeste e norte –onde se atopou unha maior frecuencia de secas repentinas– se observan tendencias negativas na frecuencia destas, as rexións con menos eventos mostraron tendencias xeralmente positivas, sendo máis notable o aumento no número e porcentaxe de secas repentinas no sueste.

Segundo Noguera, este aumento no interior e sur de España “podería estar relacionado co incremento da severidade das secas observado nestas zonas por outros estudos”. De todas as maneiras, o científico do IPE/CSIC aclara que o seu estudo “non se centra en analizar os factores que dan lugar ás secas repentinas, polo que é necesario investigar máis a fondo todas estas cuestións, e é precisamente esta unha das liñas de investigación que estamos a seguir neste momento”.

PRIMEIRO ESTUDO EN ESPAÑA

Este é o “primeiro estudo en relación con este tipo de secas en España, polo que non só é unha investigación nova a nivel metodolóxico, senón tamén no que se refire aos resultados obtidos”, destaca Noguera.

A metodoloxía baséase nun dos índices de seca máis utilizados no campo científico, o  Standardised Precipitation-Evapotranspiration Index (SPEI). “Dado que a principal característica da seca repentina é o seu rápido desenvolvemento e intensificación, o método proposto céntrase na fase de desenvolvemento”, especifica o investigador do IPE/CSIC.

Con este método pódense identificar os descensos abruptos nos valores do SPEI ocasionados polos fortes déficits de precipitación e/ou os incrementos na demanda de auga por parte da atmosfera que dan lugar a este tipo de secas.

“O uso de índices como o SPEI, o cal é comparable tanto espacial como temporalmente, fai posible que a nosa metodoloxía sexa aplicable por outros investigadores noutras zonas do mundo. Ademais, este índice baséase en información meteorolóxica amplamente dispoñible, o que facilita o estudo deste tipo de eventos en períodos de tempo longos”, comenta Noguera.

En España, “son varios os estudos que analizaron as secas, pero ningún ata o momento analizara as repentinas”

POR QUE É IMPORTANTE ESTUDAR AS SECAS REPENTINAS?

A Sociedade Meteorolóxica Americana define seca como un “período de clima anormalmente seco o suficientemente longo como para causar un grave desequilibrio hidrolóxico”. Así, o termo “seca” enténdese comunmente como un fenómeno climático que evoluciona durante un período prolongado de tempo.

O que caracteriza a seca repentina é “o seu rápido desenvolvemento e intensificación, o que reduce considerablemente o tempo de preparación e dificulta a toma de decisións, podendo producir graves danos económicos e ambientais”, clarifica Noguera.

Estes eventos foron captando cada vez máis a atención de científicos de todo o mundo: “O concepto de «flash  drought» ou «seca repentina» foi adquirindo nos últimos anos unha maior relevancia dentro da comunidade científica. Especialmente desde o ano 2012, cando amplas zonas de Estados Unidos se viron afectadas por unha seca cun desenvolvemento e intensificación anomalamente rápidos, ocasionando graves perdas económicas en todo o país, que se estiman ao redor dos 30 billóns de dólares, segundo o NCEI [National Centers for Environmental Information]”, contextualiza Noguera.

Desde entón, foron in crescendo as investigacións e publicacións de estudos sobre secas repentinas, “aínda que a día de hoxe aínda existen moitísimas incertezas ao redor deste tipo de secas e os métodos máis apropiados para a súa identificación e cuantificación”, recoñece o investigador do IPE/CSIC.

En España, comenta, “son varios os estudos que analizaron as secas, pero ningún ata o momento analizara as repentinas”. Agora, sabemos que ata o 40% de todas as secas en España caracterízanse por un rápido desenvolvemento.

Tendo en conta que “a seca é un dos riscos naturais que causa máis danos en España”, e dadas as “importantes implicacións que podería ter a ocorrencia deste tipo de secas no noso país, resulta imprescindible coñecer o seu comportamento temporal e espacial”, xustifica Noguera.

Esta primeira caracterización das secas repentinas en España debe servir, en opinión deste investigador, para “comprender mellor os patróns espacio-temporais deste tipo de secas, así como a súa evolución nas últimas décadas”.

“Dado que as secas producen importantes perdas económicas e ambientais en España e, considerando que un conxunto considerable destas desenvólvese de maneira rápida, os resultados obtidos teñen unha gran relevancia e poden ser de utilidade no futuro para a monitoraxe e predición deste tipo de eventos”, defende este investigador do Instituto  Pirenaico de Ecoloxía, onde precisamente “a monitoraxe das secas é unha das liñas de investigación que se vén traballando de maneira máis intensa nos últimos anos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta