"A Xunta deixa as residencias intervidas sen persoal cualificado... Só lle interesa ocultar os mortos"

Familiares denuncian que o Goberno galego actúa con “total temeridade” ao non garantir a presenza de persoal especializado nestes centros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/05/2020 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia decidiu poñer fin á intervención pública das residencias de DomusVi Aldán-Cangas e Barreiro-Vigo, e a de Nuestra Señora de Fátima do Barco de Valdeorras este domingo, 31 de maio. Con todo, a decisión non se dará a coñecer ata que volvan as personas desprazadas á Residencia de Tempo Libre de Patos-Panxón, probablemente dentro e 15 días.

Segundo informa Rede, a federación galega de asociacións galega de usuarios e familiares de residencias de anciáns, o persoal da Xunta de Galicia (tanto das consellerías de Sanidade como de Política Social) xa abandonaron as tres residencias intervidas, sen que as empresa xestoras destes centros, DomusVi e Nuestra Señora de Fátima, “asumiran e cumpriran coa súa parte, que é lograr o persoal suficiente para reemprazar ó da Xunta que xa non está”.

Esta entidade denuncia que esta decisión da Xunta se adopta sen que aínda as empresas xestoras destas residencias contrataran o persoal mínimo legalmente esixido para poder atender axeitadamente aos residentes. “Isto poría a estas persoas en perigo, non polo abandono e desatención xa habitual nas residencias do grupo DomusVi, se non en perigo de volver ao inferno do COVID 19 xa que con esa cantidade de persoal é imposible aplicar medidas preventivas e hixiénicas”, indica nun comunicado.

Un infectado de coronavirus dunha residencia é trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario
Un infectado de coronavirus dunha residencia é trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario | Fonte: © Miguel Núñez

Por iso, pídenlle á Xunta que continúe a intervención pública e se lle cobren todos os gastos ás empresas xestoras deses centros, mentres non se cumpran as condicións legais que é que os centros estean dotados de persoal cualificado.  

COMO QUEDAN AS RESIDENCIAS?

A partir deste 1 de xuño, a residencia DomusVi Aldán, pasará de ter 12 enfermeiras a so 2 tituladas e unha en prácticas, sendo as auxiliares as encargadas, algunas veces, de facer funcións de enfermeira. “Outras veces, estas funcións as farán xerocultoras que tan so teñen un curso de 100 horas de formación, moi lonxe da preparación universitaria das enfermeiras que son quen deberían estar”, indica Rede.

Por iso, critica que estes centros “volverán da noite á mañan, á situación anterior, que propiciou que estas residencias fosen dúas das mais letais de Galicia, e volverá, xunto coa falta de persoal: a neglixencia, o abandono, o maltrato, as infeccións recurrentes, os erros na medicación, a pésima alimentación de 3 euros día ou as caídas e as curas mal feitas”.

XUNTA “CÓMPLICE”

Rede acusa á Xunta de actuar con “absoluta temeridade e desprezo” aos maiores e as súas familias ao levantar a intervención das residencias “a sabendas de que non teñen persoal nin de atención directa, nin  de limpeza, nin de enfermería para cumplir cos mínimos legais e a sabendas da situación en que quedan de risco os residentes”.

Á Xunta preocupalle máis ocultar o numero de mortos, dos que en parte son responsables e de como lle poidan pesar nas eleccións, que solucionar o problema de abandono no que están os anciáns e dependentes”, indica.

INTERVENCIÓNS

As residencias de Aldán e Barreiro foran intervidas o 30 de marzo, 15 días despois de que o solicitara REDE, “para garantir a calidade asistencial tralo elevado número de positivos por coronavirus”, segunda a notificación oficial publicada pola Consellería de Política Social aquel mesmo día. Naquel momento se daban 4 falecidos e 200 infectadas (entre usuarias e traballadoras) nas dúas residencias.

Hoxe o número de persoas falecidas sitúase en 84 persoas (47 en Barreiro e 37 en Aldán), aínda que non todas diagnosticadas por coronavirus, cando oficialmente só se recoñecen 32 mortes. No Barco a intervención se produxo o 11 de abril, cando dera positivo o 75% das usuarias (60 de 85), hoxe hai 14 persoas falescidas, e a Xunta de Galicia só da conta de 1.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta