Por Galicia Confidencial | Entrimo | 01/06/2020 | Actualizada ás 13:58
A Garda Civil investiga os danos ocasionados a un vehículo oficial logo de que dous axentes acudiran a desaloxar un pub en Entrimo que superaba o horario de apertura establecido.
Os feitos aconteceron na madrugada do pasado venres, cando unha parella da Benemérita acudiu a Entrimo alertada por chamadas de varios veciños que denunciaban que un pub do concello seguía aberto a pesar de que xa se excedía o seu horario de peche, establecido nas 03.00 horas.
Tras acudir ao local o propietario non puxo impedimento, desaloxouse ao persoal que había e mesmo non se interpuxo ningunha denuncia. Os axentes volveron ao coche oficial que aparcaran nunha zona afastada e ao chegar coprobaron que tiña os espellos retrovisores rotos, así como as luces da serea.
"Pois estamos moi disgustados porque somos unha poboación tranquila e é abriante o que acaba de pasar porque estabamos todos levando isto --a corentena-- dun xeito tranquilo", asegura o alcalde da localidade, Ramón Alonso, en declaracións ao GC.
De feito, tras o acontecido, patrullas da Garda Civil intensificaron a súa presenza no concello en busca de probas. Un feito que tamén provocou que sexan máis estritos á hora de ver o horario de peches e cumprimento das medidas da corentena. "Por culpa dunha ou varias persoas estamos pagando o resto", apunta Alonso que quere suliñar que Entrimo é un lugar "tranquilo e hospitalario". "Lamento que isto manche a imaxe que temos", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.