Estas son as especies invasoras que poñen en perigo os espazos protexidos de Pontevedra

O departamento de Medio Natural ten que destinar máis de 18.000 euros para erradicar estas especies que poñen en perigo ecosistemas e bosques autóctonos.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 02/06/2020 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

Acacias, falsas acacias, canas, herbas da Pampa, cotulas, amores de home ou eucaliptos, xunto co cangrexo americano, son as principais especies vexetais e animais invasoras que ameazan os espazos protexidos da Xunqueira, o río Lérez e a Illa das Esculturas en Pontevedra.  

Arundo donax, especie invasora
Arundo donax, especie invasora | Fonte: Concello de Pontevedra

Este tipo de especies están converténdose en axentes de cambio e ameaza para a biodiversidade e a economía de Galicia, e especialmente para a produción agrícola, gandeira e forestal, e mesmo para a saúde pública. Por iso, e consciente da súa perigosidade e da necesidade de mantelas baixo control, o socialista Iván Puentes, edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, decidiu poñer coto a esta aemaza no Concello de Pontevedra.

Para iso, destinou unha achega de 18.077,40 euros ao servizo para a eliminación de exemplares vexetais invasores en espazos naturais protexidos, que desenvolve a empresa Cormo Integral, entre outros lugares, na Illa das Esculturas, a Zona de Especial Conservación (ZEC) do río Lérez e o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba.

Iván Puentes constata que a introdución voluntaria ou involuntaria destas especies exóticas nun territorio no que non son nativas “está asociado á actividade humana e o seu impacto é considerable tanto a nivel social como económico e ambiental”. “O custo da eliminación das invasoras a nivel europeo supera os 12.500 millóns de euros ao ano. Xunto co cambio climático e a destrución de hábitats, as especies exóticas invasoras son unha das principais causas de perda de biodiversidade a nivel mundial”, apunta o edil socialista.

AS MÁIS AGRESIVAS

Entre as especies que poderían ameazar os ecosistemas de Pontevedra atópanse a acacia (acacia melanoxylon), que procede de Australia e Tasmania. Esta especie impacta negativamente sobre o crecemento da flora microbiana do solo, reduce a disponibilidade hídrica e impide o crecemento das especies vexetais autóctonas. 

Traballo de eliminacin de especies invasoras en Pontevedra
Traballo de eliminacin de especies invasoras en Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

Ademais está a falsa acacia (robinia pseudoacacia), oriúnda de América do Norte, que despraza e substitúe a vexetación autóctona, altera a composición forestal e invade os claros onde se conservan as escasas manifestacións do bosque caducifolio autóctono, sobre todo os ameneirais como os dos ENIL da Xunqueira de Alba e o río dos Gafos. 

De orixe asiática, a cana (arundo donax) atópase naturalizada por toda Galicia en lugares con certo grao de humidade, desprazando completamente á vexetación autóctona e alterando os regatos e medios riparios que coloniza, mentres que a herba da Pampa (cortadeira selloana) é unha planta procedente de Sudamérica con gran capacidade invasora pola súa elevada produción de sementes. A súa gran produción de pole pode provocar problemas alérxicos á poboación.

Nesta lista de colonizadoras máis agresivas inclúese a cotula (cotula coronipifolia), orixinaria da Rexión do Cabo, en Sudáfrica, que invade zonas húmidas como esteiros, xunqueiras e marismas; o amor de home (tradescantia fluminensis), de orixe sudamericana, que prolifera en hábitats naturais húmidos, sombríos e algo nitrificados, e o eucalipto (eucaliptus globulus).

CANGREXO AMERICANO

No que atinxe ao cangrexo americano (procambarus clarkii), nativo do sureste de Estados Unidos, o concelleiro Iván Puentes sinala que o espazo máis afectado é a Xunqueira de Alba, “onde os seus hábitos de alimentación poden alterar o ecosistema e desprazar a outras especies autóctonas”. “É unha praga que está en toda Galicia, que é moi preocupante, porque aniquila toda a fauna autóctona dos ríos e dos humidais, e que debemos ter controlada para que non siga proliferando”, subliña Puentes.

Cotula, especie invasora en Galicia
Cotula, especie invasora en Galicia | Fonte: Concello de Pontevedra
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta