Almuiña agarda o pase de toda Galicia a fase 3 tras a "mellora" epidemiolóxica

Avogou por "ser moi prudentes" e manter o hospital de campaña habilitado na Coruña por se fose necesario.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2020 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou este mércores que espera que nos próximos días o Ministerio de Sanidade "confirme" o pase "de toda a Comunidade galega a fase 3" tras a "mellora" da situación epidemiolóxica.

Así o manifestou este mércores ao comezo da rolda de prensa telemática para informar sobre a licitación do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), na que incidiu nas "boas noticias" porque "segue mellorando a situación da epidemia de coronavirus".

"Queda só un paciente en unidade de coidados intensivos, é unha boa noticia e seguimos no proceso de mellora da situación epidemiolóxica de Galicia", valorou Almuiña. "Esperamos que nos próximos días o Ministerio de Sanidade confirme o pase de toda a Comunidade galega á fase 3", abundou, tras presentar a Xunta a petición na tarde do luns para avanzar na desescalada.

Sobre a pandemia, o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde, comentou que se saben "moitas cousas xa do novo virus", pero descoñécense "moitísimas outras", polo que apostou por "evitar incertezas".

HOSPITAL DE CAMPAÑA

Neste sentido, avogou por "ser moi prudentes" e manter "durante os próximos meses" o hospital de campaña habilitado na Coruña por se fose necesario durante a crise sanitaria polo coronavirus.

"A infraestrutura está preparada por se fose precisa, sempre dixemos que o éxito sería non ter que usar esa infraestrutura", lembrou, tras o que avogou por "tentar mantela durante os próximos meses, sendo prudentes". "Cantas menos incertezas sobre a capacidade de responder o problema, moitísimo mellor", sentenciou.

Almuiña lembrou que o primeiro caso positivo de COVID-19 en Galicia se rexistrou na cidade da Coruña, pero explicou que "ao final as grandes cidades, tanto A Coruña como Vigo, estiveron bastante homoxéneas na atención a pacientes".

En relación ao estudo epidemiolóxico do Sergas, o conselleiro de Sanidade sinalou que toda a provincia da Coruña "non tivo unha incidencia alta", estivo en "niveis da provincia de Lugo" polo que, considerou, "se respondeu ben". "A Coruña non foi unha das máis castigadas. Creo que hai un bo servizo sanitario", subliñou.

Con todo, Almuiña insistiu en "seguir traballando, sobre todo en momentos de máis calma como o actual" para "poder planificar adecuadamente" o futuro, "modificando a forma de traballar; máis ámbito ambulatorio, máis potenciación dos servizos críticos e de urxencia", concluíu.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.. XUNTA/XOÁN CRESPO / Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.. XUNTA/XOÁN CRESPO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta