Investigadores de Ourense súmanse a un proxecto sobre o vapor de auga na atmosfera da Axencia Espacial Europea

Colaborarán con equipos de investigación de Reino Unido, Alemaña, Francia, Bélxica e Canadá .

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 08/06/2020 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

Investigadores do campus de Ourense da Universidade de Vigo (UVigo) integráronse nun grupo de traballo sobre o vapor de auga na atmosfera da Axencia Espacial Europea. Segundo detallou a universidade, a Water Vapour Climate Change Iniciative (CCI) está conformada por 11 equipos de investigación de Reino Unido, Alemaña, Francia, Bélxica e Canadá e busca crear novos rexistros globais de datos climáticos de alta calidade. Así, entende que o vapor de auga permite comprender o cambio climático e determinar o seu impacto a nivel global e rexional.

Investigadores Raquel Nieto e Luís Gimeno no campus de Ourense
Investigadores Raquel Nieto e Luís Gimeno no campus de Ourense | Fonte: UVigo.

Os investigadores de Ourense que se sumaron a este proxecto pertencen ao Environmental Physics Laboratory CIM-UVigo (Ephyslab). En concreto, trátase dos profesionais Luís Gimeno e Raquel Nieto e o investigador de postdoctorado Jorge Eiras.

Ademais, a CCI da Axencia Espacial Europea busca realizar a mellor base de datos global de observación terrestre a longo prazo para contribuír ás requiridas pola Convención das Nacións Unidas para o Cambio Climático.

Neste sentido, a Water Vapour xerará novos rexistros globais de datos climáticos de alta calidade de vapor de auga na atmosfera, que sexan homoxéneos no espazo e o tempo. Tamén deberán cumprir os requisitos do Global Climate Observing System e dar a mellor resposta posible ás necesidades de usuarios da comunidade de estudos sobre o clima.

OBXECTIVO

Os investigadores da UVigo precisaron ademais que o equipo "optimizará" a resolución temporal e espacial destes rexistros de datos en relación a limitacións avaliadas de sistemas de observación dispoñibles. Do mesmo xeito, cuantificaranse incertezas que poderán ser de utilidade para usuarios finais.

Adicionalmente, este grupo de traballo da Axencia Espacial Europea aspira a analizar a variabilidade climática e as tendencias do vapor de auga atmosférica para entender a súa importancia no sistema climático e prestar apoio a servizos climáticos.

Así mesmo, os investigadores do campus de Ourense destacaron que o proxecto permitirá "consolidar o coñecemento de cambios pasados derivados de observacións de satélites" e a "establecer rexistros de datos para o seu uso en investigación climática".

Así, estes profesionais da UVigo participarán no proxecto mediante a avaliación dos datos de vapor de auga xerados por outros membros do equipo de traballo co obxectivo de caracterizar o perfil de humidade transportada por ríos atmosféricos e chorros de baixo nivel. Precisamente, Gimeno e Nieto lembraron que traballan para comprender o transporte do vapor de auga na atmosfera "desde hai máis dunha década".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta