Por Galicia Confidencial | | 10/06/2020 | Actualizada ás 20:00
O Consello de Informativos de RTVE declarou este mércores o seu rexeitamento ao recorte na duración do histórico Informativo Territorial das 14.00 desde o próximo setembro, pasando a ter 12 minutos en lugar dos 27 anteriores ao estado de alarma. Desde o colectivo de traballadores RTVESinPersonal e SinProducciónPropia interna denunciaron esta situación cunha protesta que se deu en chamar, os mércores de laranxa, a semellanza do que xa acontece na CRTVG cos venres negros.
As protestas deste mércores tiveron lugar en todo o Estado. Traballadores dos Centros Territoriais e Unidades Informativas uníronse aos centros de Catalunya e Madrid, reivindicando un reforzo do servizo público a través da aposta pola produción propia interna fronte ao interese alleo das producións externas. No Centro Territorial de Santiago e nas distintas Unidades Informativas de Galicia tamén se sumaron a esta protesta de laranxa, “dada a importancia de manter un informativo propio atendendo á actualidade galega”.
“Reábrese así unha nova fronte que a dirección provisional quixo pechar aumentando o tempo do informativo das 16.00 para trasladar o groso da infomación local a un horario mais serodio”, apuntan nun comunicado os traballadores. Así, din que o Director de Información e actualidade, Enric Hernández, esgrimiu unhas razóns estratéxicas de recuperar audiencia para realizar este cambio de horario.
APOSTA DE PRODUTORAS PRIVADAS
Con todo, na actualidade, o tempo dos informativos territoriais é de apenas 10 minutos. Unha redución da grella de programación territorial que a dirección de RTVE quere ocupar con programas de produtoras externas, como o que comezará en setembro, ‘Bloqueados por el muro’, un concurso de orixe xaponesa desenvolvido por Gestmusic Endemol (Operación Triunfo) en colaboración con RTVE.
“O servizo público encomendado por lei á Corporación pública RTVE queda asi en segunda orde ante a produción e emisión dunha aposta que segue o ronsel das televisións privadas (compite en horario coa ruleta da sorte)”, denuncian os traballadores.
Desde RTVESinPersonal e SinProducciónPropia Interna consideran necesario manter os informativos históricos e consolidados de proximidade emitidos ás 14.00 nunha duración mínima de 27 minutos. Así, anuncian que as protestas de laranxa todos os mércores, que substitúen ás concentracións que viñan realizando anteriormente ao estado de alarma, seguiranse producindo e estendendo “mentres a dirección provisional non cambie na liña até agora mantida polas sucesivas direccións de RTVE en favorecer os intereses privados mediante contratos opacos con produtoras”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.