A Xunta adxudica centos de prazas de campamentos para nenos sen medidas de protección fronte ao COVID-19

Na maior parte destes campamentos realizaranse actividades nas que serán difícil gardar as distancias de seguridade. En ningún momento, os pregos do concurso piden medidas específicas a este respecto, así como o uso de máscaras ou hixiene de mans.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/06/2020 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social adxudicou o 1 de xuño varios paquetes de actividades da Programación das Actividades de Educación non formal da campaña de verán 2020, os coñecidos como campamentos de verán para menores, nos que non tivo en conta as actuais medidas de protección aprobadas polo Goberno central, e pola propia Xunta, para facer fronte ao COVID-19. Unhas medidas que inclúen o distanciamento social, o uso de máscaras cando non se pode garantir esa distancia social, así como o emprego de xeles hidroalcohólicos para a desinfección.

En ningunha parte dos pregos deste concurso aos que tivo acceso Galicia Confidencial, que son de decembro do 2019 pero non se actualizaron ás actuais circunstancias, se recolle que a Xunta pedira ás empresas responsables medida de seguridade adicional relacionada coa pandemia do coronavirus, máis alá das estipuladas formalmente en concursos deste tipo nos que se esixen plans tipo de seguridade e seguros de responsabilidade civil e de accidente.

Este concurso, valorado en máis de 1,2 millóns de euros, vai destinado a menores de entre 9 e 17 anos e conta con centos de prazas para realizar actividades na montaña, no mar, xogos tradicionais, naútica e medio ambiente mariño, multiaventura no Camiño, teatro e aventura, aventura e conservación do medio ou ciencia e aventura. Trátase, polo tanto, de actividades nas que será difícil gardar as distancias de seguridade.

SEN MEDIDAS ESPECÍFICAS DE SEGURIDADE CONTRA A COVID-19

Así, no tocante a “medidas de seguridade”, os pregos do concurso só recollen que “a entidade adxudicataria do campamento deberá implementar un marco axeitado de seguridade tanto na instalación como no desenvolvemento das actividades, garantindo as condicións esixidas legalmente” e, para iso, “realizará, antes do inicio do campamento, unha revisión da instalación e contornos para delimitar zonas ou elementos perigosos”.

Pero non se alude ás condicións sanitarias actuais contra a COVID-19. Así, so se lle esixe á empresa adxudicataria un plan de prevención de riscos con protocolo de emerxencia e evacuación, un protocolo de seguridade específico para o risco de incendios forestais e un protocolo de seguridade nas actividades. a Xunta esixe que este plan teña “riscos por actividades, riscos xerais na contorna dos campamentos”, “riscos xerais en actividades especias fóra da instalación (saídas, excursións)” e protocolos de emerxencias e evacuación e para o risco de incendios”.

Ademais os pregos establecen quendas de garda polas noites para os monitores, e medidas específicas de seguridade para desprazamentos ou actividades que teñan que realizarse na auga, a pé, en bicicleta, no mar ou en ríos. Mesmo se pide obrigatoriamente unha proba de natación para os que participen en actividades acuáticas e a realización dun simulacro de evacuación o día de inicio de cada quenda. E, aínda que se recolle a posibilidade de incluír a persoas, entre os monitores, graduadas en medicina ou enfermería e socorrismo, non se alude en ningún momento ás circunstancias especiais da COVID-19.

NON HAI PROGRAMAS CONCRETOS SOBRE A PANDEMIA

O contrato, impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, dependente da Consellería de Política Social de Fabiola García, consiste en executar a programación das actividades de educación non formal, “entendidas como o conxunto de actividades xuvenís de carácter cultural, ambiental, deportivo, de tempo libre, de voluntariado e outras vinculadas á temática concreta de cada campamento”.

Tampouco entre os obxectivos dos programas está ningunha materia orientada a previr ou ensinarlle aos rapaces como afrontar a chamada “nova normalidade” no que ten que ver con gardar distancias de seguridade, uso de máscaras ou limpeza e hixiene de mans.  Neste sentido, o único que recolle os pregos do concurso é “fomentar os hábitos de vida saudable, de hixiene e de comportamento amosano as posibilidades e beneficios do ocio saudable”.

Ademais, tampouco se fai referencia a estas novas medidas sanitarias nas “normas internas” destes campamentos. Neste punto, as normas aprobadas por Política Social só recollen que “o primeiro día de campamento o/a director/a explicará ás persoas participantes as normas internas de convivencia que haberán de observar no campamento (nas instalacións, comedor, tendas/habitacións, horario básico, seguridade...). Colocaranse carteis informativos destas normas de convivencia e do horario básico en lugares visibles da instalación”.

COMO PODEN FACER OS PAIS

Con todo, o único momento no que se poderá introducir esta temática que non recollen as bases do prego do concurso é no chamado “Espazo Escoita activa” no que se trata de “xerar un espazo común no que o monitorado e acampados/as, poidan falar libremente e opinar sobre o campamento, expresar as súas sensacións e propor alternativas”. Por outra banda, as familias con inquedanzas poderán preguntar sobre estas medidas de seguridade na reunión informativa que terá lugar o día de incorporación dos rapaces.

Sempre tendo en conta os pregos de condicións da Xunta que foron aprobados, as actividades terían lugar no Albergue Xuvenil Mariña Española, de Bergondo, en seis quendas a celebraríanse entre o 1 e o 28 de xullo para nenos de 9 a 11 anos; no Albergue Xuvenil Gandarío, tamén de Bergondo, en cinco quendas que comezarán o 1 xullo e rematarán o 4 de setembro; no Campamento Xuvenil Espiñeira, de Boiro, con catro quendas do 1 de xullo ao 21 de agosto; no Campamento Xuvenil Virxe de Loreto, de Porto do Son, con cinco quendas do 1 de xullo ao 4 de setembro; no Campamento Xuvenil de Furelos, en Melide, con cinco quendas do 1 de xullo ao 4 de setembro ou no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro, con cinco quendas do 1 de xullo ao 4 de setembro.

Tamén haberá prazas no Albergue Xuvenil Benigno Quiroga, de Portomomarín, con cinco quedas do 1 de xullo ao 18 de agosto; no Campamento Xuvenil da Devesa, en Ribadeo, con sete quendas desde o 1 de xullo ao 21 de agosto; o Campamento Xuvenil Os Chacotes, de Palas de Rei, con catro quedas do 1 de xullo ao 21 de agosto; Campamento Xuvenil Penedos de Xacinto, en Entrimo, con 4 quendas do 1 de xullo ao 21 de agosto; Albergue Xuvenil As Sinais, de Vilanova de Arousa, con cinco quendas do 1 de xullo ao 4 de setembro; Campamento de Pontemaril, en Forcarei, con sete quendas, do 1 de xullo ao 21 de agosto; Campamento das illas de Ons, con cinco quendas do 1 de xullo ao 18 de agosto.

Campamento de Gandarío. CONSELLERIA DE POLITICA SOCIAL
Campamento de Gandarío. CONSELLERIA DE POLITICA SOCIAL

Campamento de verán en Redondela
Campamento de verán en Redondela | Fonte: Flickr
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta