Contaxio, o conto de escritores e actrices galegas para que a rapazada non lle tema ao coronavirus

Este proxecto audiovisual, impulsado por UNICEF e escrito por María Solar, Ledicia Costas e Fran Alonso, está ilustrado por Leandro Lamas e narrado por diferentes actores e actrices galegos.

Por Sara Gil | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2020 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

"Contaxio" é un conto audiovisual no que o seu principal protagonista é a palabra que leva por título. Narra a súa aventura a través do diccionario e como se vai encontrando con outras palabras como "inxustiza", "marxinal" ou "pobreza" pero tamén palabras que poden axudala como "vacina", "medicina" e "investigación" . É unha forma didáctica para que os nenos e os adolescentes galegos aprendan sobre temas que lle afectan hoxe en día: a crise do coronavirus e problemas como a pobreza infantil

'Contaxio', escrito por María Solar, Ledicia Costas e Fran Alonso. Ilustración feita por Leandro Lamas.
'Contaxio', escrito por María Solar, Ledicia Costas e Fran Alonso. Ilustración feita por Leandro Lamas.

A idea foi promovida por UNICEF e pola actriz galega Lucía Regueiro. María Solar foi a encargada de coordinar a parte literaria, e dicidiu que fora un conto colaborativo xunto cos seus compañeiros de profesión Ledicia Costas e Fran Alonso. "Foi un pouco complicado para nós, xa que non é doado escribir a seis mans e ao ser un conto audiovisual, tivemos que facelo dunha extensión limitada" conta María Solar, en declaracións a Galicia Confidencial. A escritora tamén expresou que "propuxeron varias ideas entre os tres, pero a idea de Fran Alonso sobre unha palabra que vive no diccionario foi a elexida". 

Esta peza literaria conta con diferentes actores e actrices de Galicia como Lucia Regueiro, Monti Castiñeiras, Xulio Abonjo, Miguel Canalejo, Isabel Naveira, Federico Pérez, Beatriz Serén e María Vázquez, ademais da realizadora Lucía Rodríguez. María Solar manifestou que "coa interpretación dos actores e actrices, o conto medrou moitísimo"

O conto fala das emocións, tanto dos nenos como das familias, algo que se viu estragado pola crise do coronavirus. "Isto foi algo que sufrimos todos en carne propia pero tamén falamos no conto doutras situacións diarias alleas a moita xente. O coronavirus situános diante dunha traxedia puntual, mais hai traxedias continuadas no mundo como son aquelas das que se ocupa UNICEF", concluíu María. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta