AGE, a nova esquerda do século XXI

Trala impresionante axitación e intensiva insubordinación global derivada da confluencia do movimento obreiro e estudiantil en maio de 1968, a historia social e política das últimas décadas estivo selada, en boa medida, polo progresivo retroceso da esquerda máis radical, reivindicativa e combativa.

Por Óscar Lomba | Vigo | 28/01/2013

Comparte esta noticia
Resultado diso produciuse o triunfo do neoliberalismo en todo o mundo. O crack de 2007 e a crise económica mundial parecen ser tanto a consecuencia das políticas neoliberais como a mellor oportunidade para afianzar os seus intereses e desequilibrios constitutivos. Neste sentido, cada día son máis as liberdades públicas e os dereitos sociais e civís que se ven ameazados, e cada vez son máis as voces que reclaman a apertura de novas discusións e debates. É necesario deterse e recapacitar. Recapacitar de xeito tan sosegado como contundente respecto de todo o que está ocorrendo. Cuestionar todos aqueles apriorismos que se nos explican desde os parlamentos e os consellos de goberno que dan a entender que non hai alternativa ningunha e que só queda un xeito para corrixir a situación, o recorte e a austeridade. Hai que rebater este tipo de argumentos e deixar ben claro que si existen outras maneiras de combater a crise e que, ademais, é necesario tomar outras medidas. Debemos repensar as consecuencias concretas e cotiás das resolucións políticas e temos que deseñar o obxectivo final das políticas económicas, de modo que a débeda e o límite de déficit non se convertan nos máis eficaces mecanismos de dominación social.
 
A revitalización e reactivación das diversas redes de activistas e movimentos sociais militantes, e a propia controversia e contestación cidadá en centos de cidades, vilas e aldeas de todo o mundo suxire o comezo dunha nova era para as loitas populares.
 
Alternativa Galega de Esquerda pretende ser a organización política que aglutine ao conxunto de colectivos, agrupacións e asembleas cidadás que de xeito coordenado loitan en toda Galicia por actualizar un proxecto transformador, que traballa por artellar un bloque sociopolítico anticapitalista, antipatriarcal e alternativo, e que emprega todos os seus folgos en impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas, os colectivos humanos e a natureza. Aspira a ser unha parte fundamental daquela esquerda que desde unha perspectiva rebelde, alternativa, feminista e ecoloxista promove unha incansábel actividade que se caracteriza por dar prioridade ao impulso, a organización e a coordinación dos movimentos sociais e á recomposición do movimento obreiro en sentido amplo. Alternativa Galega de Esquerda pretende contribuír a dotar á esquerda galega máis combativa dunha orientación política axeitada e a desenvolver os elementos constituíntes dun verdadeiro programa socialista, autoxestionario e igualitario, que estea á altura dos actuais retos históricos que nos impón a crise do capitalismo globalizado. Elementos dunha alternativa transformadora que só poderá realizarse desde posicións soberanistas e internacionalistas, coidadosas coa autonomía dos movimentos sociais e que sexa quen de impulsar unha xenuína radicalidade democrática. AGE pretende ser a nova esquerda do século XXI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. É membro de ESCULCA.