Cinco millóns de euros para a reactivación do marisqueo a pé

Serán subvencionables os días de inactividade desde o 16 de marzo ata o 30 de xuño de 2020.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/06/2020 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou este xoves de que aqueles profesionais do marisqueo a pé que pararon temporalmente a súa actividade durante a pandemia e que non puideron beneficiarse da prestación por cesamento de actividade habilitada tras a declaración do estado de alarma, terán a posibilidade de acceder a unha vía de apoio específica para este sector que inclúe o plan Avantemar de reactivación para o campo marítimo-pesqueiro.

Mariscadoras na praia de Lourido (Pontevedra)
Mariscadoras na praia de Lourido (Pontevedra) | Fonte: Xunta.

En concreto, explicou que este programa da Xunta prevé máis de 5 millóns de euros para este sector, procedentes do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca asignado a Galicia e de fondos propios da Xunta, para reactivar a súa actividade na era post COVID-19.

A medida foi presentada aos representantes da confraría e a profesionais do marisqueo do Grove nunha reunión de traballo para informarlles desta liña de axudas, unha das cinco que inclúe Avantemar co obxectivo de apoiar o complexo mar-industria ante as "importantes perdas acumuladas nos últimos meses", e que se traducen nunha inxección global de 77 millóns de euros en 2020.

Un dos sectores máis afectados por esta pandemia é o do marisqueo, lembrou a Xunta, que "apenas puido faenar como consecuencia do peche efectivo" da comercialización en hostalaría e restauración, a principal canle de venda dos seus produtos.

A isto, engadiu a titular de Mar, súmase a imposibilidade para moitas persoas deste sector de acceder á prestación por cesamento de actividade, condicionada á caída do 75% dos ingresos respecto do semestre anterior.

IMPORTE AÍNDA POR DEFINIR

Dentro dos apoios ao marisqueo a pé, serán subvencionables os días de inactividade desde o 16 de marzo ata o 30 de xuño de 2020, ambos os dous incluídos. Para o seu cálculo, terase en conta a diferenza entre os días de actividade extractiva media durante o período de referencia nos tres anos anteriores a 2020 —sen contar períodos extraordinarios— menos os días de actividade de cada mariscador neste ano durante a pandemia.

En canto ao importe das axudas por día de inactividade, a conselleira sinalou que está por definir, pois a orde está en proceso de elaboración e existen discrepancias co Goberno central sobre a súa contía.

Neste sentido, explicou que a Xunta propón unha achega homoxénea de 90 euros por día de inactividade e mariscador, de acordo coa estimación media de ingresos do sector, mentres que o Ministerio de Agricultura sinala que a achega debe ser de 50 euros por cada día de parada subvencionable.

OUTROS APOIOS

Entre os apoios que inclúe Avantemar para os profesionais, a conselleira tamén destacou os destinados ás redeiras, por valor de 400.000 euros, así como para os buques que tiveron actividade durante a pandemia e que rexistraron perda de ingresos, para os que o plan contén máis de 7 millóns de euros en apoios.

Outra das medidas que destacou Quintana é a dirixida ás confrarías e entidades xestoras de lonxas polas perdas debidas ao descenso de facturación nos seus ingresos, dotada con 600.000 euros.

A maiores da liña de dinamización e a solvencia xeral das empresas e profesionais na que se enmarcan estas e outras medidas, Avantemar conta con outras catro liñas, que son a relacionada coa sustentabilidade, liquidez e financiamento xeral; a que ten que ver coa adecuación e sostemento das actividades conexas; a relacionada coa reorientación do sistema económico-comercial pesqueiro para adecuarse á situación social derivada da pandemia e, por último, a liña de adecuación e flexibilización administrativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta