A Xunta pon agora no punto de mira aos turistas estranxeiros e critica a falta de protocolos do Goberno

A Xunta advirte da chegada de persoas infectadas de algúns países de América e Africa e di que hai que estar atentos á chegada de turistas do Estado aos que Feijóo dixo que hai que recibir "cos brazos abertos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2020 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, advertiu da chegada a Galicia de persoas procedentes de países con "alta" incidencia do virus nestes momentos que deron positivo en coronavirus, polo que demandou "información" ao Goberno central ante a inminente apertura das fronteiras.

Na entrevista que, desde a declaración do estado de alarma, o conselleiro concede na mañá de cada sábado á Radio Galega, Vázquez Almuiña asegurou que o Servizo Galego de Saúde coñece "algún caso" de persoas procedentes de países de Sudamérica e África --en concreto citou a Guinea-- que deron positivo nas probas do Covid-19 á súa chegada a Galicia vía O Porto e Madrid, segundo o titular de Sanidade.

Tras sinalar que "o problema non é que veñan" persoas do estranxeiro, solicitou ao Goberno español que comparta información sobre a chegada de foráneos. "Se temos información, podemos facer un seguimento", sinalou Almuiña, que, no entanto, apuntou que a apertura de fronteiras a partir deste domingo coa zona Schengen (excepto Portugal) permitirá o movemento de cidadáns de países "cunha situación epidemiolóxica razoablemente boa".

Almuiña resaltou que existe "un abanico de diagnóstico bastante amplo" que arroxan resultados "moi efectivos" se se combinan, pero subliña a importancia de ter capacidade para poder facer seguimentos e, no caso de que sexa necesario, decretar o seu illamento ata coñecer se son portadores do virus.

O turismo interno, coa saída de todo o territorio español do estado de alarma, é outro dos focos sobre os que están postas as miradas nesta nova fase de combate da pandemia. Neste sentido, Vázquez Almuiña subliña a necesidade de "estar preparados" ante a previsible chegada a "un lugar de acollida" como Galicia de persoas procedentes doutras comunidades cunha situación epidemiolóxica peor que a galega, onde "os datos son moi bos, con números baxísimos de hospitalizados e novos casos".

Despois de apelar a seguir "preparados" porque "non se pode obviar que isto non terminou", o titular de Sanidade fixo un chamamento a que "toda a xente que veña" a Galicia siga as medidas hixiénicas, de seguridade e distancia social para evitar rebrotes. Con todo, este venres, o presidente galego dixo que "serán recibidos cos brazos abertos".

ESTUDO EPIDEMIOLÓXICO

Doutra banda, o conselleiro avanzou que a segunda onda do estudo de seroprevalencia do Covid-19 na poboación galega concluíu a súa fase de recabación de datos e que as conclusións estarán listas nunha semana.

Deste xeito, a Consellería de Sanidade traballa co horizonte de presentar o informe da segunda onda a finais da próxima semana ou comezos da seguinte. "É un dos estudos máis amplos que fixeron a nivel estatal e estamos moi contentos pola resposta da poboación, que ante a chamada do Sergas púxose a disposición inmediatamente", sinalou Vázquez Almuiña.

Este estudo, que terá "información de todos os recunchos de Galicia", permitirá, segundo explicou o conselleiro, "coñecer en detalle como circulou o virus" e servirá "de base" para "volver repetilo dentro duns meses e ver como evolucionou".

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.. XUNTA/XOÁN CRESPO / Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.. XUNTA/XOÁN CRESPO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta