O Colexio de Traballo Social tamén rexeita o bono de 250 euros da Xunta, que si apoia o Clúster do Turismo

O Colexio tamén critica a actuación no caso dos centros de día, cuxa reapertura urxiron diversos colectivos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/06/2020 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, do mesmo xeito que varios colectivos médicos antes, rexeitou o bono de 250 euros que anunciou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, para o uso en hoteis e restaurantes por parte de sanitarios e outros profesionais que loitaron contra o coronavirus. Si apoia a medida o Clúster Turismo de Galicia. Con todo, os traballadores sociais advertiron que o seu "código deontolóxico" e a "ética" lles impiden "aceptar esta estraña compensación" por facer o seu traballo.

"O que si sería todo un recoñecemento para os traballadores sociais é que desde a administración autonómica se cunmprisen os cocientes de referencia na dotación de persoal para os servizos sociais para dar cobertura de forma continuada e garantista aos servizos sociais como esenciais dentro da comunidade", aseverou.

Para a xunta de goberno do Colexio, o que necesita o colectivo de traballadores sociais que traballou durante a crise son "contratos estables" e "un reforzo inmediato" xa que esta situación "non fixo máis que empezar".

Á marxe deste bono, o Colexio critica a actuación no caso dos centros de día, cuxa reapertura urxiron diversos colectivos, e tamén defendeu, en relación ao 'cartón moedeiro' para persoas desfavorecidas, que se pon de manifesto "un modelo de atención obsoleto, de carácter asistencialista e próximo á beneficiencia".

"Tampouco queremos pasar por alto o carácter estigmatizador que leva levar un cartón de 'pobre'", advertiu, para concluír que a Administración debe apostar por uns servizos públicos que "dean cobertura con dignidade aos dereitos máis esenciais".

APOIO DO CLÚSTER

Pola súa banda, representantes do sector turístico galego encabezados polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, mantiveron este luns un encontro coa Consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de trasladar á administración pública "a idoneidade" de pór en marcha medidas que permitan a reactivación do sector turístico de forma inmediata, como poden ser os bonos directos.

Así, Cesáreo Pardal valorou a posta en marcha de accións como o 'Bono Solidario', xa que permiten incentivar a demanda no sector de forma inmediata.

"Desde o sector parécenos unha medida esencial despois de que nos permite favorecer o consumo interno. A nosa intención é ser capaces de recuperar canto antes a normalidade e que as nosas empresas e traballadores poidan volver traballar", remarcou o presidente do CTG, Cesáreo Pardal, tras o encontro cos representantes da Consellería, no que tamén participaron representantes de hoteis, axencias de viaxes e turoperadores.

Neste sentido, Pardal lembrou que a medida fora demandada polo conxunto do sector como unha ferramenta de reactivación e como tal incluíuse no Plan de Reactivación presentado pola Xunta e desenvolvido en cooperación co sector turístico galego.

Así mesmo, sinala que este bono que agora se pon en marcha en Galicia "segue o ronsel de iniciativas similares" expostas noutras comunidades e países para "incentivar o consumo propio e animar o turismo nacional", e sinalou territorios como a Comunidade Valenciana, Málaga ou países como Malta ou Italia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta