Hemorraxia laboral, sangría demográfica

As últimas estimacións de poboación publicadas polo INE revelan que entre outubro de 2011 e outubro de 2012 emigraron de Galicia 12.258 persoas, cifra que ascende a case 17.000 no últimos tres anos.

Por José Blanco | Lugo | 31/01/2013

Comparte esta noticia

Se o dato xeral é preocupante, o de poboación nova é alarmante: no mesmo período abandonaron Galicia 25.472 persoas de entre 20 e 34 anos. Un dato grave en si mesmo, pero que constata unha tendencia que sofre a Comunidade Autónoma, que no últimos tres anos perdeu 67.169 persoas nese rango de idade.

O peor de todo iso é que a tendencia se está acelerando, pois se no ano 2010 perdemos un 3,38% da poboación nova, no ano 2011 a perda ascendeu ao 4,10% e o ano pasado, ao 4,84%.

Algúns dirán que é unha tendencia común a toda España porque a crise está a golpear ao conxunto do país. E o que dirán é verdade. Pero non será toda a verdade. É certo que a poboación nova está a emigrar de España e que está a acelerar a súa saída do país en boa medida ante a lacerante taxa de paro que sofre e a falta de perspectivas que o país lles ofrece, embarcado como está en políticas que antepoñen a austeridade suicida ao crecemento necesario. Pero en Galicia faio a maior ritmo, pois se a caída en 2010 era a mesma que no conxunto da media nacional, en 2011 aumentou un 4,06% máis que a media e en 2012 fíxoo un 11,5% máis.

Analicemos outro dato: a taxa de paro.

Hai poucos días coñecemos os datos da Enquisa de Poboación Activa. Uns datos dramáticos e que revelan até que punto é perniciosa para o conxunto de país a reforma laboral decretada polo Goberno do Partido Popular: 850.500 empregos destruídos, case 700.000 parados máis, a taxa de paro máis alta desde que existen rexistros, 1.833.700 fogares con todos os seus membros desempregados? Cifras que esconden realidades humanas dramáticas que esixen que non haxa maior urxencia nacional que pór freo ao desemprego.

Polo que respecta a Galicia, desde o regreso do Partido Popular ao goberno autónomo no ano 2009 destruíronse 142.500 empregos e o número de parados aumentou en 115.000, un 70% máis, rexistrando no último ano un maior incremento que a media estatal.

Unha vez máis, é evidente que as receitas económicas do Partido Popular son indigestas para o emprego.

Pero detengámonos nos datos que incumben aos mozos. A súa taxa de paro ascendeu en 2012 até o 48,4% en Galicia. Afortunadamente, a cifra é menor que a media estatal. Desafortunadamente, a súa taxa de paro creceu no último ano un 27%, o dobre que a media estatal. Novamente, vemos que as receitas do Partido Popular para o mercado laboral, pero tamén os recortes do orzamento educativo, a redución de bolsas ou a subida de taxas, non conducen a nada positivo.

Galicia sofre unha sangría demográfica. Unha sangría cuxa hemorraxia principal está na poboación nova, o que está a provocar a descapitalización presente do país e cuestiona a nosa viabilidade social e económica futura.

A pregunta é a que espera o Goberno galego para porlle freo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Blanco José Blanco López, coñecido como Pepe Blanco, é un político do PSdeG-PSOE que naceu en Ferreira de Negral (Palas de Rei) en 1962. É deputado no Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo. Ministro de Fomento, Senador, presidente do Consello da Xuventude de Galicia, concelleiro de Palas de Rei e Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia son algúns dos seus cargos da súa dilatada traxectoria política.