A defensa da muller que matou dous anciáns en Arzúa pide que reciba tratamento ambulatorio

A avogada ve "desproporcionados" os 30 anos de internamento que se lle impuxeron e alega que a condenada está "estabilizada".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/06/2020 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A defensa da muller que matou dous anciáns en Arzúa en 2016 e foi condenada a internamento nun centro psiquiátrico por un máximo de 30 anos pediu, na vista de apelación na Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que permitan que reciba tratamento ambulatorio como alternativa.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

"A día de hoxe atópase estabilizada", explicou a avogada, Verónica Suárez, que afirmou que a muller ten "unha vida perfectamente normal" e "autónoma". Segundo a letrada, o internamento de máximo tres décadas é "desproporcionado" e nega que a súa liberdade poida levar "perigo" de ningún tipo.

Segundo a letrada, nos oitos meses que leva libre a muller, tras a súa saída de prisión, non tivo "ningún antecedente policial nin xudicial", polo que non procede a medida de internamento que, apuntou, "tende a evitar que se volva repetir o acto". Asegurou, ademais, que non se iniciou ningún trámite para incapacitarla.

Durante a apelación, a avogada denunciou a "falta absoluta" de motivación da sentenza e afirmou que a presenza de ADN na casa e efectos persoais das vítimas é "meramente circunstancial" porque os coidaba a diario.

DELITO "SUFICIENTEMENTE PROBADO"

Pola súa banda, o fiscal expuxo que o delito está "suficientemente probado" e relatou os numerosos lugares nos que se acharon restos de sangue da muller, tanto no interior como no exterior da casa.

"A acción en si mesma reviste todas as características de asasinato pero non así a situación da acusada", razoou na súa intervención na apelación.

A sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña considerou a muller culpable de dous homicidios dolosos, pero decretou a eximente completa de alteración psíquica. O Tribunal do Xurado considerou probado que a condenada presentaba un trastorno psicótico agudo que "anulaba totalmente as súas capacidades cognitivas e volitivas".

Os feitos ocorreron na madrugada do 27 de xullo do 2016 cando a muller colleu un coitelo de 25 centímetros da cociña da súa casa e dirixiuse á dos anciáns, que durmían nese momento. Segundo a sentenza, entrou na vivenda e, unha vez no dormitorio, asestoulles varias coiteladas que lles causaron a morte.

No xuízo, a procesada, que recibía tratamento psiquiátrico desde o ano 1994 por diagnóstico de esquizofrenia diferenciada, acolleuse ao seu dereito a non declarar, do mesmo xeito que o seu marido e filla con quen residía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta