O 061 recibiu 2.400 chamadas durante o apagamento

Sanidade avanza que, se falla a subministración eléctrica, Urxencias Sanitarias estudará levar as súas comunicacións a centrais con xeradores.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 13/05/2025 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

A central da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061 superou o millón de chamadas recibidas en todo 2024. Ademais, durante o apagamento do pasado 28 de abril recibiu unhas 2.400 chamadas e mobilizou recursos en case 1.000 ocasións. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante unha visita realizada á sede deste servizo na Estrada, onde estivo acompañado do director, Román Gómez.

Desde alí, agradeceu o traballo que fan os 270 profesionais "altamente capacitados" do 061. A estes súmanse recursos como 130 ambulancias, tanto de soporte vital básico como de soporte vital avanzado, e dous helicópteros con bases en Santiago e Ourense. Ao longo de 2024, o 061 recibiu máis dun millón de chamadas --"o 93 % atendeuse en menos de dez segundos", engadiu-- e xestionou "preto de 320.000 mobilizacións de recursos asistenciais". "Esas cifras falan da potencia que pon en valor o que significa realmente o 061, unha entidade que traballa baseada nos principios de axilidade e proximidade", subliñou Gómez Caamaño.

ACTIVIDADE DURANTE O APAGAMENTO

Especialmente, referiuse á xornada do apagamento que durou máis de 12 horas en boa parte do territorio galego, na que o servizo de urxencias recibiu case 2.400 chamadas e mobilizou recursos en case 1.000 ocasións. Neste período, activáronse catro códigos ictus, atendéronse sete asistencias por ictus, dous infartos agudos de miocardio, unha reanimación cardiopulmonar, 24 accidentes de tráfico e ofreceuse atención domiciliaria a 121 pacientes con dificultades respiratorias.

Así mesmo, o conselleiro de Sanidade avanzou que o 061 estuda un reforzo dos seus sistemas de comunicación que consistirá en levalos a centrais públicas que teñan xeradores eléctricos autónomos. Tamén avalía despregar unha rede satelital de órbita baixa para garantir a operatividade constante das súas comunicacións. Antonio Gómez Caamaño tamén felicitou á Fundación Urxencias Sanitarias por conseguir o selo europeo 'EFQM+600', a máxima distinción internacional coa que se recoñece a organizacións con mellor desempeño e xestión de calidade. "Só 13 entidades en España teñen o recoñecemento", destacou.

Central de Urxencias Sanitarias-061 na Estrada 061
Central de Urxencias Sanitarias-061 na Estrada 061 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta