Como protexer o efémero? Piden o BIC para as alfombras florais, unha tradición que aguanta en Galicia

Alertan do perigo de turistificación dun ritual presente na comunidade galega dende o século XIV.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

As alfombras florais, unha tradición centenaria practicada en multitude de vilas galegas, poderían sumarse á listaxe de patrimonio inmaterial considerado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia. A solicitude, interposta pola Federación de Alfombristas Galegos de Arte Efémera, piden ter en conta a longa traxectoria dunha práctica artista que resiste en Galicia dende a Idade Media para asegurar por lei o seu mantemento no tempo.

Alfombras florais na Praza do Obradoiro
Alfombras florais na Praza do Obradoiro | Fonte: remitida

Dende a federación, que acompaña o formulario de declaración dun inxente traballo documental, aseguran que, se ben a orixe destes particulares tapices é allea a Galicia, a nosa é a comunidade que máis conserva a práctica, presente aínda nun centenar de vilas galegas. "Galicia é a única comunidade autónoma con tan ampla tradición, seguida por Cataluña a moita distancia e Canarias como a terceira. No resto de comunidades é puntual", explican.

Esta especial persistencia chama a atención tendo en conta que, segundo informan dende a federación, Galicia é a única comunidade autónoma que non declarou BIC a práctica de todas aquelas integrantes da Coordinadora Internacional de Alfombristas de Arte Efémero. O país galego é, á parte, o que máis colectivos alfombristas recolle.

O PERIGO DA TURISTIFICACIÓN

O chamamento da federación chama a protexer un patrimonio inmaterial que, segundo alerta a historiadora e antropóloga Ana Filgueiras Rei, está en perigo de converterse "nun espectáculo turístico" e perder "a súa esencia e autenticidade". Por iso destacan a relevancia de manter intacta unha tradición que, no caso de Galicia, remóntase a unha celebración na cidade de Ourense que data do século XIV.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta