A Xunta consulta ao mercado para definir a estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia

O prazo para que os interesados presenten as súas propostas estará aberto ata o 4 de setembro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2020 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, participou este martes de maneira telemática no II Foro Técnico da Civil UAVs Initiative, onde informou da publicación no Diario Oficial de Galicia das consultas preliminares ao mercado co obxectivo de definir a estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia durante o próximos cinco anos.

O prazo para que os interesados presenten as súas propostas estará aberto ata o 4 de setembro e, tal e como recolle a publicación, a finalidade desta consulta é coñecer o que está a facer o sector a nivel de produto, servizos e solucións para estudar posibles colaboracións.

Así mesmo, búscase elaborar un mapa de demanda temperá coas futuras licitacións, achegarse ás necesidades das empresas con tecnoloxías baseadas en drones e estudar o interese doutras organizacións e institucións por colaborar neste proxecto.

De forma global, trátase de crear novos instrumentos de colaboración público-privada cos que poder impulsar o tecido industrial e o I+D+i no sector empresarial ao redor dunha industria de alta tecnoloxía para consolidar o Polo Aeroespacial, atraer investimento e favorecer a comercialización e industrialización dos produtos e servizos desenvolvidos polo sector aeroespacial en Galicia.

O II Foro Técnico da Civil UAVs Initiative reúne ata este mércores aos axentes que participan no desenvolvemento do Polo Aeroespacial de Galicia, co obxectivo de xerar debate e intercambio científico e técnico de coñecementos.

Tal e como explicou Conde no encontro, tras unha primeira fase na que se puxo en marcha o proxecto coa captación e retención de talento, co desenvolvemento dunha industria local especializada, coa fabricación de solucións e coa obtención de resultados tecnolóxicos; agora hai que "transformar todo isto en desenvolvemento industrial, crecemento económico e oportunidades laborais".

Fotos Xunta Economía Polo Aeroespacial. Xunta de Galicia
Fotos Xunta Economía Polo Aeroespacial. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta