Alumnos da USC denuncian que a rebaixa dos másteres anunciada pola Xunta non se cumpre: "é unha inxustiza"

A Consellería de Educación publicou o 15 de xuño que reduciría en máis dun 50% o prezo de matrícula destes cursos, unha rebaixa que non está a aplicar nas primeiras matrículas. A Universidade valora "reintegrar" a cantidade sobrante sen agardar a que a normativa entre en vigor.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2020 | Actualizada ás 10:10

Comparte esta noticia

A rebaixa dos prezos dos másteres anunciada pola Xunta o pasado 15 de xuño de 2020 non entrou aínda en vigor a pesares de que o prazo de matriculación para estes cursos xa está aberto. A redución das taxas, que implicaría un recorte de máis da metade do custo, foi remitida á prensa pola Consellería de Educación pero non entrou en vigor como decreto, segundo informan fontes oficiais da USC.

Aula universitaria. EUROPA PRESS - Arquivo
Aula universitaria. EUROPA PRESS - Arquivo

Ante esta situación, apuntan as mesmas fontes, a Universidade ten a obriga "por normativa" de seguir o decreto vixente, que contempla os prezos correspondentes ó ano pasado, máis elevados. O documento verificado polo Consello Galego de Universidades pero pendente de aplicación por parte da Consellería de Educación recolle unha baixada de máis do 50% do prezo que afectaría ás primeiras matrículas do primeiro ano de másteres non profesionalizantes.

Baixo este novo decreto, anunciado pola Xunta de Galicia a un mes das eleccións, o prezo por créditos dos cursos nomeados descendería dos 26'49€ ós 11'89€, de xeito que un máster de 60 créditos pasaría de custar 1589€ a apenas 713€. No anuncio de prensa a Xunta destacou este recorte afirmando que supoñía unha equiparación cos prezos do grao universitario, un paralelismo que polo de agora non se deu.

RESPOSTA DA USC

Ante a falta de confirmación oficial e comunicación ás universidades, os alumnos matriculados nos másteres denuncian que están a abonar a cantidade correspondente ó ano pasado, previa ó anuncio da Xunta. Nesta situación, a USC está a valorar a posibilidade de reintegrar a cantidade sobrante ós alumnos que se matriculen, independentemente da aprobación da normativa por parte da Xunta. "Buscamos causar o menor trastorno para os alumnos, de xeito que logo non teñan que andar con papeleos para reclamar esa cantidade", din.

"INXUSTIZA"

A denuncia dunha situación "incongruente" xurdiu entre o alumnado da Universidade que, á hora de dispoñerse a formalizar a súa matrícula, percibiu como a rebaixa anunciada pola Consellería non se facía efectiva. "É unha inxustiza", comenta Xián Lois Alcayde, "Debemos garantir o dereito á educación con prezos que sexan accesibles a todos e todas", asevera o estudante, pendente de matricularse no Máster en Xornalismo e Comunicación que ofrece a USC. 

No mesmo curso pretende formarse Javier Piñeiro, que non dubida que o anuncio da Xunta tivera motivacións políticas. "Non me sorprende nada vindo dunha administración como a de Feijóo", apunta o estudante, que, como a maioría dos matriculados, tivo que facer fronte a unha matriculación de "1.300€ no canto de 600 ou 700€".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta