A Costa da Morte denuncia a súa "discriminación" baixo a 'era Feijóo': "levamos 10 anos de promesas incumplidas"

A Asociación en Defensa da Costa da Morte presenta un decálogo de "feridas" que están a desangrar a zona, dende a despoboación ó turismo masificado, pasando pola destrución dos montes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2020 | Actualizada ás 22:35

Comparte esta noticia

"10 feridas abertas, 10 anos perdidos". É o título do decálogo que a Asociación en Defensa da Costa da Morte (ADECOM) vén de presentar para chamar a atención sobre a "discriminación" á que, apuntan, foi sometida a franxa litoral na década que leva Feijóo á fronte da Xunta de Galicia.

Cruceiro Costa da Morte
Cruceiro Costa da Morte

A ADECOM, unha plataforma de recente creación que pretende poñer de relevo os "anos perdidos" da zona, destaca un total de 10 problemáticas e demandas que "cremos que tamén comparten a inmensa maioría social da nosa comarca e as súas entidades". Así, e en liña coa dinámica xeral de Galicia, un dos temas máis destacados na web da asociación é o decremento poboacional da comarca, que "perde poboación a marchas forzadas", un problema que sinalan como común á "práctica totalidade das poboacións" que compoñen a zona.

Á par desta problemática, común á meirande parte do territorio galego, a asociación fai fincapé na "discriminación" sufrida a nivel económico, unha dinámica que queda patente no "retroceso das súas principais industrias" pero tamén na ausencia de comunicacións de calidade. Esta falta de infraestruturas é tal que "superada a quinta parte do século XXI", a Costa da Morte segue sen autovía nin tren, á parte de contar cun servizo de autobuses que "cada ano" perde liñas. 

TURISMO "MASIFICADO"

O manifesto, publicado na web da asociación, fai fincapé tamén no papel que o turismo "masificado" está a tomar na bisbarra. "Cando nos venderon a panacea do turismo como alternativa á desindustrialización ou mesmo para xustificar o desmantelamento do noso tecido produtivo 'tradicional', nada nos faría imaxinar que o prezo era que se acabara poñendo a economía dunha comarca enteira ao servizo dun tipo de turismo masificado e enteiramente estacional, dun ou dous meses ao ano", sinalan.

Esta mención ó turismo vai acompaña dun dardo lanzado directamente ó Goberno Autonómico: "toda esa aposta das administracións, nucleada principalmente en torno aos vectores do Camiño de Santiago e das praias, é dicir a unha soa carta, xerou un elevado nivel de dependencia económica dun tipo de turismo que cada vez resulta máis destrutivo para as comunidades locais". A crítica dun modelo económico monopolizado polo turismo discorre á par da denuncia dun parque de vivenda marcado pola irrupción de plataformas como Air BnB, que agravan o problema de "casas sen xente e xente sen casas".

As demandas da asociación, que abranguen a protección do medio rural, os montes e o patrimonio, culminan cun chamamento á conservación da "identidade" propia da Costa da Morte: "A suma dos anteriores factores está levando á progresiva desaparición dos rasgos de identidade da Costa da Morte coma pobo, incluíndo a unicidade das súas expresións culturais, artesás...". Unha perda que chaman a reverter para conservar "o legado dos noso devanceiros" nunha terra habitada dende hai millares de anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Fox trot

Tedes que seguir votándolle. Eu como galego, un do sitios máis indignos que coñezo é Muxía, compadezo as boas persoas que viven alí e non son do PP.

1 Antipeperos

Pero tú non estás lendo o artigo? O PP está asasinando a Galiza!!