Por Walter Burns | Santiago | 28/02/2013 | Actualizada ás 13:21
A Consellaría de Economía e Industria publica no DOG do 27 de febreiro os convenios subscritos no último cuatrimestre do 2012 no que aparecen outros 300.000 € para diferentes grupos editoriais de prensa galega. Como recorda a CIG Administración, o sindicato máis representado nos servizos centrais da Xunta, esta asignación únese aos 450.000 € do resto deste tipo de convenios que subscribiu esta consellaría durante o ano 2012 (DOG de 2 de novembro).
O gasto total desagregado é de 150.000 € para Editorial Compostela, S.A. (editora de El Correo Gallego), La Voz de Galicia, S.A., El Progeso de Lugo, S.L., El Faro de Vigo, S.A. e La Región, S.A. Cómpre destacar que o custo destes convenios non sufriu ningún tipo de recorte ou minoración respecto aos do 2011, como se pode comprobar no DOG do 1 de xuño de 2011.
Este tipo de convenios resultan moi polémicos dada a súa finalidade: difundir actuacións da consellaría a cambio de diñeiro público. Dende o fraguismo a Xunta reparteos continua e subxectivamente, sen concurso ou publicidade.
O conselleiro de turno dáos aos medios que estima oportuno; o que evidentemente crea unha relación de dependencia aos xornais subvencionados e discrimina aos medios que non son agraciados con estas axudas, pagadas cos impostos de todos os galegos.
En opinión da CIG trátase de "un instrumento legal que teñen as distintas consellarías para incrementar a súa publicidade institucional e ter de man diversos medios". Tanto Sindicato como Colexio de Xornalistas teñen criticado en múltiples ocasións estes convenios.
GC, dez anos informando libremente sen axudas públicas
GC publicou varios informes que como o Goberno Feijóo distribúe estes axudas en función dos seus intereses. Por exemplo, La Voz de Galicia recibira nos tres primeiros anos do seu mandato máis de 7,2 millóns en axudas, a maioría sen concurso público. En conxunto, neses tres anos toda a prensa en papel recibira 11,8 millóns mediante convenios. As cifras de todos esas axudas discrecionais están dispoñíbeis para os gcpluseiros, os usuarios que colaboran economicamente co GC, medio que nos case dez anos de historia nunca recibiu convenio algún de ningunha administración.
A CIG admite que son axudas legais, pero "non resulta moral que se manteñan intactos este tipo de gastos na situación actual de recortes en educación, sanidade, servizos sociais, etc. e con despedimentos, reducións salariais e perda de dereitos para a clase traballadora".
Os propios asalariados da Xunta perderon máis dun 20 por cento de poder adquisitivo dende o comezo da crise, en boa medida polas sucesivas conxelacións e reducción de salarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.