Veciños e alcalde de Beariz denuncian falta de medidas contra a COVID-19 nun acto antimineiro e a Garda Civil négao

O alcalde sostén que non había distancia de seguridade nin máscaras. A Garda Civil desprazada determinou que non había "condutas punibles".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 27/07/2020 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

Veciños da parroquia de Doade, no municipio ourensán de Beariz, denunciaron a celebración dun acto este domingo no que se deron "incumprimentos das medidas obrigatorias de seguridade anti COVID-19", aínda que a Garda Civil desprazada ata a zona non detectou que se estivesen producindo infraccións.

Máscara
Máscara

Ao acto, unha charla en relación á "ameaza mineira en Galicia", asistiron unhas 40 persoas, segundo dixo o alcalde de Beariz, Manuel Pardo López, que se trasladou ata o lugar ao ser alertado por varios residentes e afirmou que "o 90%" das persoas non tiñan máscara e non respectaban a distancia de seguridade.

Fontes da Garda Civil confirmaron que ata o lugar desprazouse, sobre as 13,50 horas deste domingo, unha patrulla, que foi alertada polos veciños, pero que, unha vez alí, "non observaron que se estivese cometendo ningunha infracción nin acción punible".

Pola súa banda, o rexedor sostivo que se incumpriron as medidas de protección, en "unha falta de responsabilidade total e absoluta" por parte do colectivo anti mineiro, ademais de apuntar que "practicamente todos os participantes no acto proviñan da provincia de Pontevedra".

O programa do acto tamén incluía un xantar popular, no que os asistentes "compartiron comida e bebida", outra das "irregularidades" que o rexedor asegurou pór en coñecemento dos Corpos de Seguridade a través do número de emerxencias da Garda Civil.

A "nivel particular", Manuel Pardo tamén dixo que chamou "a atención aos participantes por estar sen máscara" e asegurou que estes "fixeron caso omiso".

Os veciños mostráronse especialmente "preocupados" ante esta situación despois de que o pasado día 10 de xullo se detectasen catro casos positivos de COVID-19 no Concello de Beariz, tres deles importados de México e cun nexo familiar e o último un veciño infectado por manter contacto directo con eles á súa chegada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta