A Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, un campo de probas para a “xestión intelixente do fogo”

Un estudo liderado pola universidades de Santiago de Compostela e Porto demostra que políticas agrícolas que protexan e favorezan as actividades agropastorais nesta zona poderían reducir ata un 50% as áreas afectadas polos grandes incendios previstos entre 2030 e 2050.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un estudo liderado por investigadores do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de investigación CIBIO/InBIO da Universidade do Porto –e recentemente publicado na revista científica Ecosystem Services– apunta a “xestión intelixente do fogo” (fire-smart) a escala de paisaxe como solución ao impacto dos incendios forestais, garantindo simultaneamente a conservación da biodiversidade e de fornecemento de servizos ecosistémicos para as próximas décadas na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

Típicas paisaxes de montaña na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés
Típicas paisaxes de montaña na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés | Fonte: Cedidas por Adrián Regos.

Os seus autores recordan que "o crecente impacto dos incendios forestais nas paisaxes do sur de Europa está intimamente relacionado co cambio climático e o abandono das actividades silvipastorais tradicionais". Ademáis, sinalan que "as políticas actuais de xestión de incendios céntranse principalmente na supresión inmediata, sen ter en conta o papel fundamental que o fogo como proceso exerce nos ecosistemas", o cal "paradoxalmente favorece a acumulación de ‘combustible’ e unha transición cara paisaxes mais inflamables e propensas a sufrir grandes incendios forestais (é dicir, aqueles de máis de 1.000 hectáreas)".

Ante isto, subliñan que a “xestión intelixente do fogo” (ou fire-smart, en inglés) ten como obxectivo controlar o réxime de incendios a través de intervencións na configuración da vexetación que favorezan paisaxes mais resistentes e resilientes ao fogo, ao tempo que aseguren a conservación da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos.

"Sorprendentemente", din, "e a pesar da súa relevancia no actual contexto de éxodo rural e o cambio climático, apenas hai estudos que avalíen a eficiencia destas estratexias fire-smart".

REDUCIÓN DE SUPERFICIE QUEIMADA

Este estudo pretendeu explorar estas cuestións, simulando a evolución da paisaxe mediante modelos matemáticos de acordo con diferentes estratexias de xestión do territorio para as próximas décadas (2020-2050) e analizando os seus potenciais impactos no réxime de incendios, no secuestro e almacenamento de carbono, e na dispoñibilidade de hábitats para 116 especies de aves, anfibios e réptiles.

Típicas paisaxes de montaña na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés
Típicas paisaxes de montaña na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés | Fonte: Cedidas por Adrián Regos.

A investigación, afirman, "demostra como políticas agrícolas que protexan e favorezan as actividades agropastorais nesta zona (revertendo a actual tendencia de abandono rural) poderían reducir ata un 50% (10.000 hectáreas) as áreas afectadas polos grandes incendios forestais previstas entre 2030 e 2050 de acordo co réxime de incendios histórico". 

Ademais de mitigar o impacto dos grandes incendios forestais, sosteñen que "este xiro nas políticas agrícolas aseguraría a dispoñibilidade de hábitats de especies protexidas e ameazadas ao longo das próximas tres décadas, e combinada cunha conversión gradual de plantacións forestais cara masas forestais máis resistentes ao fogo (dominadas por bosque nativo caducifolio, como as carballeiras) contribuiría a un aumento no secuestro de carbono (un aumento de cerca de 3,5 Tg C entre 2020 e 2050), é dicir, na regulación climática".

Segundo este estudo, resulta "evidente a necesidade de políticas de xestión preventivas, integrais e intersectoriais" para reducir o impacto dos incendios, explorando "solucións sostibles e socio-economicamente viables" en áreas fortemente afectadas polo abandono rural e a alta recorrencia de incendios.

O traballo foi desenvolvido no ámbito do proxecto de investigación FirESmart, coordinado polo investigador da USC Adrián Regos, e integrado por diversos institutos e centros de investigación de Portugal e España (proMetheus, CREAF, Universidade de Santiago de Compostela, CITAB, CIMO e CSIC).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta