Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2020 | Actualizada ás 15:48
Un total de nove particulares interpuxeron tres denuncias nos xulgados da Coruña contra A liga de Fútbol Profesional, o seu presidente e contra o Club de Fútbol Fuenlabrada, despois de que o luns da semana pasada o equipo madrileño viaxase á cidade herculina a pesar de saber que tiña casos positivos de coronavirus entre o seu persoal.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en total constan polo momento nove denunciantes que consideran aos denunciados autores dun delito de desobediencia á autoridade e outro contra a saúde pública. Por iso, piden ao xulgado que esclareza as eventuais responsabilidades penais e civís derivas dos feitos que expoñen nas denuncias.
En total trátase de tres denuncias contra a Liga de Fútbol Profesional, o seu presidente, Javier Tebas, e contra o CF Fuenlabrada porque nunha delas consta un só denunciante, outra agrupa a tres e a última a cinco particulares.
OUTRAS ACCIÓNS
A viaxe do Fuenlabrada á cidade herculina para xogar un partido de fútbol co Dépor, que acabou por suspenderse, tamén orixinou que o Concello da Coruña solicitase á Fiscalía que investigue os feitos relacionados por se fosen constitutivos de delito.
No seu escrito, o consistorio pediu que se expliquen cuestións como "por que non se informa ás autoridades sanitarias" dos positivos no persoal e "por que se viaxa" ata A Coruña cando xa se coñecía que algún dos xogadores estaba afectado.
Precisamente, a Fiscalía Provincial da Coruña confirmou o pasado venres que abriu dilixencias de investigación penal para esclarecer se o sucedido no caso do brote de coronavirus detectado na expedición do Fuenlabrada ten "alcance penal".
Tras a decisión do Concello da Coruña de levar o caso a Fiscalía, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixou aberta tamén a posibilidade de acudir á xustiza se o expediente informativo en curso do Goberno galego detecta que se produciu algún tipo de neglixencia. "Se así o recomenda, farémolo", dixo o xefe do Executivo galego, quen considerou que neste caso se puxo "en risco a saúde pública".
Pola súa banda, o Deportivo non descartou ir pola vía penal. "A previsión do club é que este asunto sexa derivado a un xulgado de instrución da Coruña, momento procesual no cal o Real Club Deportivo e outros grupos de interese como a Federación de Peñas poderán comparecer e defender os seus intereses, así como solicitar medidas cautelares", afirmou o equipo nun comunicado difundido este luns a última hora.
"Ante o atropelo deportivo que pretende perpetrarse por parte da Presidencia de LaLiga contra o Real Club Deportivo da Coruña (...), este club resérvase expresamente o exercicio de todas as accións legais que considere máis oportunas en defensa dos seus dereitos ante a xurisdición deportiva e, no seu caso, a ordinaria", agregou.
"NON TEMOS CULPA DE NADA"
José Manuel 'Mozo' Flores, o futbolista do CF Fuenlabrada que foi ingresado o pasado venres nun hospital da Coruña por un problema de saúde que non revestía gravidade, foi dado de alta este martes e xa regresou ao hotel onde está o resto do persoal confinado polos seus positivos por coronavirus.
Á súa chegada ao hotel, o xogador atendeu aos medios que o esperaban e admitiu que estivo uns días "fatal", aínda que agora xa se atopa mellor. Do mesmo xeito, defendeu os seus compañeiros: "Nós non temos culpa de nada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.