Sanidade descoñece a orixe da infección dun de cada cinco casos na Mariña

Un xulgado ratifica as últimas medidas de control do brote nesta comarca decretadas pola Xunta.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 31/07/2020 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade descoñece a orixe da infección dun de cada cinco casos de coronavirus detectados no brote da Mariña. En concreto, dos 263 casos PCR positivos entre o 23 de xuño e o 27 de xullo na Mariña, 216 están vinculados entre si, pero "no resto dos casos, aínda que moitos deles forman agregados, non se pode saber cal foi a súa posible fonte de infección".

Así figura nun auto do xulgado contencioso administrativo número un de Lugo no que se fai mención a un informe do subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, que arroxa estas cifras.

Praia das Catedrais, na comarca da Mariña
Praia das Catedrais, na comarca da Mariña | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Esta resolución do xulgado ratifica as medidas adoptadas o pasado 29 de xullo pola Consellería de Sanidade en relación co control do brote da Mariña.

Ademais, no auto faise referencia á boa evolución que traslada o informe da incidencia do brote, dado que na anterior análise reflectíase unha taxa positiva do 9,4% nos PCR realizados, mentres agora baixa ao 7,6%.

LIMITACIÓNS DE REUNIÓNS

Entre outras cuestións, Sanidade fixou o 29 de xullo que a comarca da Mariña manteña unha semana máis a limitación de 10 persoas nas reunións privadas e o lecer nocturno seguirá pechado, pero o resto de locais de hostalaría ampliarán a súa capacidade e os horarios, que equipararán á norma xeral que rexe no resto de Galicia.

A este respecto, o xulgado indica que esta limitación de 10 persoas "é proporcional e necesaria", "sendo un feito notorio que se trata dunha das actividades de maior risco para a transmisión do COVID-19".

As medidas afectan os municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Contra esta resolución da maxistrada do contencioso de Lugo cabe impor recurso de apelación ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta