130 concertos en 35 locais de toda Galicia co programa 'Directos Xacobeo 21 en Salas'

A música galega é a absoluta protagonista do novo programa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/08/2020 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

A música galega é a absoluta protagonista do novo programa da Xunta 'Directos Xacobeo 21 en Salas' que, ata finais do mes de outubro, ofrece 131 concertos de 108 artistas e bandas galegas en 35 locais de música en vivo de todo o país.

Presentación do programa Directos Xacobeo 21 en salas
Presentación do programa Directos Xacobeo 21 en salas | Fonte: Europa Press

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, apuntou este martes que a iniciativa conta cun orzamento de 400.000 euros para contribuír á recuperación da actividade empresarial e artística neste ámbito e, con este obxectivo, foi deseñada como unha das medidas do Plan autonómico de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da COVID-19.

O Goberno galego, que asume o financiamento íntegro deste programa, conta para o seu desenvolvemento coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, que se encarga da súa xestión e coordinación como a entidade máis representativa no campo profesional da música en directo.

Directos Xacobeo 21 en Salas, que arrincou a pasada semana con oito concertos no Barco de Valdeorras, Bueu e A Coruña, celebrarase con asistencia de público, atendendo ás medidas de seguridade con relación á capacidade e ás condicións hixiénico-sanitarias. Ademais, serán gravados e editados para a súa posterior retransmisión a través de www.directosxacobeo.com.

Os responsables das 35 salas participantes foron os encargados de elixir as súas respectivas ofertas musicais como parte deste ciclo, a partir de todas as propostas artísticas galegas, de moi variados estilos musicais, recibidas por Clubtura mediante unha convocatoria aberta pola asociación na páxina web do programa.

Estes carteis despregaranse en 16 escenarios da provincia da Coruña, 13 na de Pontevedra, catro na de Ourense e dúas na provincia de Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta