Un xulgado obriga a Caeiro a readmitir un traballador despedido en Ribeira por presentarse a eleccións sindicais

O Xulgado do Social Nº4 de Santiago declara nulo o despedimento, que considera unha "represalia" por ser candidato da CIG.

Por Europa Press / Redacción | Ribeira | 11/08/2020 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

O Xulgado do Social Nº4 de Santiago declarou nulo o despedimento dun traballador dun concesionario de Caeiro SA en Ribeira (A Coruña) en "represalia" por ser candidato da CIG nunhas eleccións sindicais, polo que obriga á súa readmisión.

Concesionario do Grupo Caeiro en Ribeira
Concesionario do Grupo Caeiro en Ribeira | Fonte: Google Maps.

Segundo figura no fallo, con data do 29 de xullo de 2020, a empresa terá tamén que abonarlle os salarios de tramitación e recoñecerlle a súa condición de delegado sindical. Contra esta sentenza cabe presentar recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Este traballador foi despedido o 19 de decembro de 2019 por unha "falta laboral", xusto un día despois de presentarse pola CIG ás eleccións sindicais a celebrar en xaneiro de 2020.

O xuíz declara probado que a empresa "indagou" a través dunha comunicación con outro empregado sobre o ocorrido na asemblea do 18 de decembro para a presentación de candidaturas. Ademais, conclúe que queda acreditado que "non existe causa que xustifique o despedimento do traballador".

Por tal motivo, a Sala falla que "o despedimento constitúe unha represalia da empresa ao traballador por ser candidato no proceso electoral e, posteriormente, saír electo como representante legal dos traballadores".

O persoal elixiu a este traballador como o seu representante nas eleccións sindicais do 21 de xaneiro. Este resultado foi impugnado pola empresa, pero un laudo arbitral confirmou o 30 de xaneiro a validez do proceso.

Pola súa banda, a CIG denuncia que esta "non é a primeira vez que a empresa recorre a presións ou represalias para impedir que saian elixidos os representantes da CIG, a favor de UXT".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta